top of page

"Por que debería obedecerte?"

  • Foto del escritor: edu maroño
    edu maroño
  • 3 ene 2021
  • 5 Min. de lectura

The Avengers (2012) de Joss Whedon achégase ao seu clímax cando a Terra é invadida polas tropas Chitauri, a civilización extraterrestre que se aliou co Deus nórdico Loki para someter o planeta. Transportadas por unhas enormes criaturas voadoras, as tropas alieníxenas xorden dun portal dimensional aberto polo hermanastro de Thor e sementan o caos nas rúas de Nova York, provocando o pánico nunha cidadanía absolutamente indefensa. Eco do 11-S? Dende 2001, toda representación dun ataque en territorio norteamericano o é, máis aínda en Nova York. Nese momento, os Vingadores chegan á zona de conflito e, tras unhas primeiras intervencións nas que fica demostrado que si teñen o poder suficiente para deter os Chitauri e protexer a poboación, comezan a actuar seguindo as instrucións do seu líder, o Capitán América.


Whedon mostra unha cidade absolutamente sometida ao invasor, cunhas forzas da orde desorientadas, superadas polas circunstancias e incapaces non xa de conter a invasión, senón de protexer os seus concidadáns. No medio do caos, o diálogo entre dous policías confirma este desconcerto:


"It's gonna be an hour before they can scramble the National Guard!"

"National Guard?! Does the army know what's happening here?!”

"Do we?"


É entón cando aparece ante eles o Capitán América, que enuncia unha serie de instrucións encamiñadas a poñer fin á desorde e protexer os cidadáns:


You need men in these buildings. There are people inside and they're going to be running right into the line of fire. You take them to the basements, or through the subway. You keep them off the streets. I need a perimeter as far back as 39th.


Un dos policías responde:


Why the hell should I take orders from you?”.


Nese intre aparecen dous aliens que atacan o Capitán América e que son derrotados por este cunha facilidade que deixa abraiados os policías. De seguido e sen mediar palabra, o oficial vólvese e transmite aos seus subordinados as instrucións que un minuto antes lle dera o heroe.


Esta escena, breve e aparentemente concibida para procurar o sorriso cómplice do espectador, escenifica realmente a renuncia da humanidade á súa propia liberdade e a aceptación do seu sometemento a unha aristocracia de seres superpoderosos.


Se analizamos a escena tomando como referente o mundo real, a resposta que recibe inicialmente o Capitán América do oficial de policía non só resulta verosímil senón que de feito é a única posible. Como corpo dependente do Estado, a policía ten regrados os seus procedementos de actuación e iso, en ningún caso, en ningún país do mundo, inclúe obedecer ordes de cidadáns particulares, moito menos de cidadáns enmascarados. As forzas de seguridade do Estado son corpos armados lexitimados para empregar a violencia, mais non calquera actuación súa é de seu lexítima. Para selo, cómpre que actúen dentro das súas atribucións e respectando as normas que regulan o seu funcionamento. Para unha eficaz organización destes corpos resultan fundamentais os principios de xerarquía e disciplina, que implican que os suxeitos situados no cumio da cadea de mando adoptan as decisións e as transmiten aos seus subordinados para que estes as cumpran no ámbito das súas responsabilidades. Deste xeito, os membros dos corpos de seguridade deben actuar sempre dentro do marco das atribucións que legalmente lles corresponden e seguindo as instrucións dos seus superiores xerárquicos.


Cando, tras escoitar as instrucións do Capitán América, o oficial de policía contesta: “Why the hell should I take orders from you?”, o que está a facer é constatar o obvio: que o superheroe non forma parte da súa cadea de mando e polo tanto carece de lexitimación para darlle ordes. Se seguise as súas instrucións estaría a incumprir as súas propias atribucións, é dicir, a actuar ilegalmente. Sen embargo, o policía termina obedecendo o Capitán América e, de feito, poñendo as forzas de seguridade do Estado ao servizo de alguén que non só é un descoñecido, senón que ademais leva o rostro cuberto. Que cambiou? Que constatou como, ao contrario que os corpos de seguridade, o superheroe ten poder suficiente para derrotar os alieníxenas. Isto é, o policía foi testemuña das extraordinarias habilidades do supersoldado e, consciente da súa propia inferioridade, decidiu cederlle o mando.


A conclusión parece obvia: o superheroe sitúase máis aló do ordenamento xurídico; a súa lexitimidade emana da súa superioridade, do seu poder. O sociólogo alemán Max Weber sostiña a principios do século XX que o poder político podía sosterse esencialmente en tres formas distintas de lexitimación: a tradicional, baseada nos costumes colectivos dun pobo; a legal, construída a partir da participación democrática; e a carismática, que se ergue sobre as características persoais do líder. No caso que nos ocupa, a lexitimación democrática personificada pola policía subordínase ao carisma do superheroe, ás súas facultades extraordinarias. Nin que dicir ten que esta forma de lexitimidade é a que se cultiva máis frecuentemente nos réximes totalitarios, que deben engrandecer a figura do líder para compensar a clamorosa ruptura da legalidade e o principio democrático.


Habería que matizar que quen reúne os Vingadores e os envía a Nova York é S.H.I.E.L.D. (orixinalmente acrónimo de Supreme Headquarters, International Espionage, Law-Enforcement Division; no MCU Strategic Hazard Intervention, Espionage and Logistics Directorate), unha organización aparentemente vinculada a entidades supranacionais, por máis que na fita non se especifique claramente o seu encaixe legal. Porén, o detalle non resulta excesivamente relevante xa que nin o oficial de policía coñece esta circunstancia nin o Capitán América llo fai saber. Aínda máis, a caracterización do superheroe coma figura carismática alén do principio de legalidade resulta coherente coa mensaxe antidemocrática que o filme promove insistentemente.


Nick Fury, director de S.H.I.E.L.D., responde perante unha entidade á que se alude coma “o Consello” e que en sucesivas achegas do MCU identificaremos coma o “Consello para a Seguridade Mundial” (World Security Council). Non se especifica quen son os seus membros máis enténdese que representantes de entidades estatais ou supraestatais. É dicir, políticos. É dicir, cargos que contan con algunha caste de representatividade democrática. Whedon opta por representalos como figuras escuras e apenas recoñecibles do outro lado dunha pantalla. Coñecemos os nomes e rostros dos espías e tamén as interioridades dunha superaxencia de espionaxe, pero paradoxalmente os representantes dos Estados se nos mostran como un “poder na sombra”, de aparencia sinistra, sen rostro nin nome. Unha inversión non falta de ironía que orienta as simpatías do espectador e o prepara para o clímax final da fita, no que o Consello decide bombardear a cidade de Nova York, asumindo a morte dos seus habitantes coma un sacrificio preciso para conter a invasión dos Chitauri. Os representantes públicos amosan un desprezo pola vida dos cidadáns inadmisible para o bando superheroico ata o punto de que Nick Fury non ten problema en cualificar a orde de “stupid-ass decision” e derrubar cun bazooka a un piloto que pretendía executala. Velaí vai o respecto pola vontade popular. Os Vingadores farán o resto para evitar o bombardeo e salvar o día. De novo, a autoridade carismática e a superioridade de forzas impóñense ás decisións duns poderes lexitimados democraticamente que, por riba, Whedon presenta como covardes e insensibles.


Loki, o principal vilán da trama, enuncia en distintos momentos un discurso pre-democrático de caste monárquica que nega calquera dereito a unha humanidade para a que non concibe outro destino que o de ser escrava de seres superiores coma el. Sen embargo e mostrando unha prodixiosa capacidade para saltar por riba do seu propio ombreiro, o filme deslexitima tamén o principio democrático, desautorizando os seus líderes e avogando pola vasalaxe cara unha aristocracia de individuos carismáticos (poderosos) mais, iso si, benintencionados, que finalizan a fita escapando do control institucional e constituídos nun contrapoder oculto que tutelará o devir do mundo e intervirá cando o considere necesario. Tan convencido está Whedon do seu discurso antidemocrático que se permite aínda unha coda final: cando todo rematou e a pantalla se enche de cidadáns que mostran a súa gratitude cara os chamados Vingadores, podemos ver aínda nun televisor unha voz discordante, alguén que protesta pola desfeita e culpa os superheroes dos danos causados. Quen é? Un político, claro.

*WEBER, M.: Wirtschaft und Gesellschaft, 1922.

*WHEDON, J.: The Avengers, 2012.

Comentarios


Join my mailing list

Thanks for submitting!

© 2023 by The Book Lover. Proudly created with Wix.com

bottom of page