A imposible redención de Ka-Zar
- edu maroño

- 11 ene 2023
- 9 Min. de lectura
Actualizado: 12 ene 2023

No X-Men #10 (1965) o quinteto orixinal do equipo mutante Marvel viaxaba á Antártida na procura dunha misteriosa figura aparecida en televisión da que sospeitaban que podía ser mutante coma eles. Na superficie do lugar onde filmaran o personaxe misterioso atopaban unha fenda pola que se internaban até chegaren a un territorio selvático, poboado por criaturas prehistóricas e homínidos primitivos: a Terra Salvaxe. Axiña aparecía Ka-Zar, un home de aspecto occidental que se autoproclamaba amo da xungla e que os axudaba na súa confrontación con criaturas e tribos da Terra Salvaxe. Rematada a aventura, os X-Men retornaban aos Estados Unidos deixando atrás un aliado indócil, pouco interesado en establecer vínculos entre os seus dominios e o mundo exterior.
Stan Lee e Jack Kirby levaban anos construíndo o Universo Marvel coma un tapiz no que ían cosendo un pouco ás toas retallos coloristas tomados de aquí e acolá: cómic bélico, ciencia ficción, literatura pulp... Nas escasas vinte páxinas deste capítulo dos X-Men apropiábanse do mito de Tarzán, un dos personaxes máis coñecidos da cultura popular do seu tempo e tamén unha figura sobranceira da literatura colonial. A versión orixinal do personaxe creado polo escritor norteamericano Edgar Rice Borroughs no ano 1912 expresaba con naturalidade a submisión de África ao dominio occidental, en coherencia co pensamento conservador do seu creador e cun contexto internacional no que as potencias imperiais europeas conservaban aínda moitas das súas colonias. A historia dun cativo, fillo de nobres británicos, abandonado á súa sorte na selva africana que non só consegue sobrevivir, senón que chega a converterse no “rei da xungla” por riba de bestas e humanos (indíxenas de cor preta) constitúe unha obvia defensa da superioridade da raza branca e, máis concretamente, da aristocracia anglosaxoa. Mais cómpre non perder de vista que a súa inclusión no Universo Marvel mediante o personaxe de Ka-Zar ten lugar medio século máis tarde, en 1965, cinco anos despois da aprobación por Nacións Unidas da Resolución 1514 e nun momento de auxe dos movementos de descolonización en todo o mundo. Isto non semella afectar a Lee e Kirby que, probablemente amparados nun propósito de pura evasión pretendidamente desideoloxizada, copian sen remorsos as características dun mito popularizado (e tamén mutado) pola súa sucesiva adaptación a outros medios coma as tiras de prensa, os seriais radiofónicos ou especialmente o cinema. É significativo que na súa primeira aparición, Ka-Zar fale un inglés imperfecto e se golpee no peito mentres ceiba un berro co que domina as bestas, atributos que o sinalan coma unha torpe imitación do Tarzán cinematográfico e dos que se desprendería decontado. Canda eses aspectos superficiais do mito entrou tamén no Universo Marvel o seu subtexto orixinal: a súa condición de home branco que exerce un dominio civilizador nun contexto salvaxe.
O debut de Ka-Zar no Universo Marvel veu acompañado da primeira aparición da Terra Salvaxe, unha rexión de características tropicais que subsiste agochada no interior da Antártida. A versión orixinal da Terra Salvaxe recolle varios tópicos da literatura fantástica dos séculos XIX e XX. Por unha banda, a Antártida móstrase coma o pórtico cara o misterioso e sobrenatural que aparecía xa n’A narración de Arthur Gordon Pym (1838) de Edgar Allan Poe ou en At the mountains of Madness (1936) de H.P. Lovecraft. Por outra, créase un escenario que fai posible a interacción entre humanos e criaturas prehistóricas, un tópico pulp extremadamente popular que aparecera en novelas coma The Lost World (1912) de Arthur Conan Doyle ou na saga de Pellucidar (1914-1963) de Edgar Rice Borroughs e que se trasladara xa ao audiovisual con filmes coma King Kong (1933) ou One million years B.C. (1940). Como sinala John Rieder, a pesar de que os restos fósiles poden atoparse en calquera lugar do planeta, incluídos os países occidentais, os relatos coloniais circunscriben a coexistencia entre humanos e animais prehistóricos a lugares onde as comunidades humanas son percibidas coma subdesenvolvidas. Isto resulta plenamente aplicable á Terra Salvaxe, que reúne nos relatos de Ka-Zar as mesmas características que tiña a xungla africana nas historias de Tarzán: un territorio afastado e misterioso, inexplorado, cheo de riqueza e habitado por tribos primitivas. Un lugar, en definitiva, susceptible de ser explotado colonialmente, algo que á altura de 1965 non podía xa ser predicado do continente africano, que se atopaba inmerso nun imparable proceso de descolonización.

A vontade de Lee e Kirby de converter a Terra Salvaxe en espello da cobiza depredadora das potencias occidentais queda confirmada na segunda aparición de Ka-Zar despois da súa presentación no X-Men #10. Entre os capítulos 12 a 14 de Daredevil (1966) desenvólvese un relato que desvela a orixe familiar do personaxe e introduce o inicialmente chamado anti-metal, posteriormente vibranium, un mineral de propiedades fantásticas e múltiples aplicacións (especialmente no eido militar) que pode atoparse na Terra Salvaxe. Nese arco argumental será Parnival Plunder, irmán de Ka-Zar/Kevin Plunder, quen invada o territorio antártico coa intención de apropiarse do prezado metal para darlle un uso perverso, inaugurando un esquema narrativo que será reproducido insistentemente en aventuras posteriores. Nelas, a situación de equilibrio pacífico do que Ka-Zar é garante vese ameazada pola chegada de axentes externos que procuran o anti-metal ou queren aproveitarse doutro xeito das riquezas da Terra Salvaxe. Por se a metáfora colonial non fose de seu obvia, Lee atribúelle á liñaxe á que pertence Ka-Zar o apelido Plunder, que significa literalmente “saquear”, mentres que o seu irmán/antagonista asume o nom de guerre de The Plunderer, é dicir, “o Saqueador”.
A irrupción dos X-Men e de Parnival Plunder na Terra Salvaxe, así coma moitas das aventuras posteriores de Ka-Zar, responden ao esquema do que Rieder denomina lost-race fictions, relatos nos que un grupo de occidentais exploran un territorio virxe que resulta estar habitado e do que, ao final dunha serie de peripecias, obteñen algunha caste de recompensa, xa sexa económica, política, sexual ou intelectual. O interesante das aventuras de Ka-Zar é que inverten a perspectiva tradicional e narran os feitos dende o punto de vista dos habitantes da Terra Salvaxe. Desactívase así a ollada colonial, que obxectualiza e desempodera os observados, e quedan ao descuberto as relacións de poder en xogo e os seus efectos o cal, en principio, podería dar lugar a un discurso crítico coas dinámicas imperialistas. Porén, este esquema narrativo recorrente está atrapado nunha contradición irresoluble: quen defende a soberanía do continente baixo o grandilocuente título de Señor da Terra Salvaxe non é un nativo da mesma senón un home branco anglosaxón cuxa lexitimidade deriva unicamente da superioridade cultural que lle concede a súa procedencia. Ka-Zar pode ser o caudillo que resiste fronte a invasión depredadora de axentes externos e faino sempre apelando á súa identificación co territorio, mais non deixa de ser el mesmo un colono que simplemente chegou e se estableceu na Terra Salvaxe antes que os demais. A súa condición de occidental non vén determinada só pola súa procedencia senón tamén e moi especialmente polo esquema de valores co que rexe a Terra Salvaxe, un sentido moral perfectamente homologable ao de calquera outro heroe Marvel, o que facilita a identificación dos lectores inicialmente destinatarios das súas aventuras, tamén occidentais.
Un exemplo paradigmático de todo isto é The night of the looter!, narración de apenas 15 páxinas escrita por Stan Lee e debuxada por John Buscema que foi publicada orixinalmente na revista Savage Tales #1 (1971). O relato comeza coa chegada á Terra Salvaxe dun vehículo acoirazado que se ve acompañado no seu avance por unha comitiva de Homes do Pantano, unha tribo primitiva e violenta tradicionalmente enfrontada a Ka-Zar. No interior do enxeño mecánico viaxa un home chamado Ralph que pretende facerse coas reservas de vibranium que hai na Terra Salvaxe para enriquecerse e así gañar o amor e o respecto da súa muller Carla, que o acompaña na incursión. A irrupción do tanque revoluciona a tranquilidade da xungla, provocando unha estampida das criaturas que a habitan e mobilizando os Homes do Pantano que, fascinados polo artefacto mecánico, comezan a escoltalo no seu avance.

Lee presenta a empresa de Ralph e Carla coma unha intromisión ilexítima, de intención depredadora e inspiración egoísta, que semella unha translación ao ámbito privado das arelas de explotación das grandes potencias imperiais. As simpatías do lector viran cara un Ka-Zar autoinvestido Señor da Terra Salvaxe e, polo tanto, chamado a defender os recursos da súa terra fronte aqueles que pretenden esquilmalos no seu propio beneficio. Mais este discurso aparentemente antiimperialista amosa algunhas fendas cando descubrimos que Ka-Zar non emprega o metal precioso en beneficio dos habitantes da Terra Salvaxe senón que o garda na súa casa sen ningún propósito de uso aparente. O vibranium é para el unha representación material do seu status privilexiado equivalente ao ouro e as riquezas que os caciques atesouran nos seus palacios no relato colonial. Deste xeito, a súa resposta ás agresións pseudoimperialistas non é tanto un exercicio de soberanía fronte os depredadores estranxeiros coma unha defensa da súa posición de privilexio. Resulta imposible rastrexar neste relato, ou nos que seguen este esquema, calquera indicio do principio libertario. Nunca comparece un demos que reclama para si un dereito colectivo sobre os recursos propios. Simplemente, Ka-Zar non pode permitir que outros se apoderen do seu vibranium xa que iso suporía tanto como renunciar á súa condición de Señor da Terra Salvaxe.
O relato ten ademais unha lectura en clave de xénero que revela un pouso conservador próximo á misoxinia ao tempo que informa elocuentemente do perfil modélico que se lle pretendía dar ao personaxe de Ka-Zar. Ralph, o creador do tanque que irrompe na Terra Salvaxe, preséntasenos coma un home feble e sen carácter, que asume que a súa muller Carla casou con el créndoo máis rico do que realmente era. A súa incursión na procura do anti-metal non responde a unha ambición persoal senón ao desexo de sentirse amado e respectado por ela. A solución para os seus problemas conxugais pasa por construír un tanque forte e duro, coroado por un canón de grandes dimensións; non se pode dicir que a interpretación en clave metafórica sexa moi complicada. Pola súa banda, Carla amósasenos coma unha muller egoísta e cobizosa, que despreza abertamente ao seu marido e utiliza o seu atractivo sexual para obter o que desexa. É doado recoñecer nela os atributos propios da muller fatal que popularizaran a literatura e o cinema norteamericanos da primeira metade do século XX, unha figura icónica de orixe misóxina que, pola súa forza e capacidade de fascinación, sería obxecto de resignificación a partir dos anos 80. Porén, resulta imposible atopar calquera potencial subversivo nun personaxe plano e sen matices coma Carla. Cando ve a Ka-Zar por primeira vez non agocha a súa atracción. Ao contrario que o seu marido, Ka-Zar é forte e baril, de carácter dominante e posuidor do valioso vibranium, todo un modelo de masculinidade patriarcal. Intenta seducilo mais el rexéitaa sinalando a un grupo de mozas que se bañan espidas nunha fervenza. “You think you can tempt me with your body? (...) There are many such as you! And here Ka-Zar is Lord of the Jungle!”. Na Terra Salvaxe hai dereito de pernada, seica. Anne McClintock estableceu a relación entre muller e territorio no relato colonial, como a conquista sentimental por parte do aventureiro occidental da Raíña que rexe a civilización perdida suxire a apropiación do territorio e os seus recursos. Neste aspecto atopamos aquí unha nova inversión. É a muller, Carla, quen pretende apropiarse do territorio a través do corpo do seu Señor, Ka-Zar, e topa coa negativa deste. O colono resístese a ser colonizado.

Furiosa polo desprezo, Carla droga a Ka-Zar e incita a Ralph a roubarlle o vibranium que garda na súa casa mais o resultado non é o esperado, o tanque derrétese unha vez que se expón á influencia do anti-metal. Os Homes do Pantano reaccionan con ira á desaparición dun obxecto polo que sentían unha devoción supersticiosa e marchan levando a Carla con eles. A femme fatale torna en damsel in distress. Ralph atopa no secuestro da súa esposa unha derradeira oportunidade para se comportar de acordo co mandado da masculinidade patriarcal. Ármase cun revólver e sae na súa procura pedíndolle a Ka-Zar que se manteña á marxe. “Stay back! She’s my wife! I’ll save her! I’ll prove to her at last that her husband is a man!”. Mais non poderá ingresar no club dos homes auténticos como tampouco Carla conseguirá fuxirlle ao destino tráxico que agarda polas mulleres malvadas. O cadáver espido da muller aparece flotando na auga.
The night of the looter! revela como un arquetipo coma o de Ka-Zar está atrapado sempre nunha contradición irresoluble. Malia que algúns elementos da súa mitoloxía resultan propicios para artellar un discurso antiimperialista, este nunca pode ser desenvolvido coherentemente polo feito de ser o protagonista un home branco que actúa de conformidade co sistema de valores da metrópole. Nas mans dun escritor conservador mesmo nos parámetros do seu tempo coma Stan Lee, Ka-Zar chega a presentar o perfil totalitario dun cacique que se aproveita dos recursos da súa terra, no canto de utilizalos en beneficio do seu pobo. Correndo os anos, sucesivos autores tentarán dotar o personaxe dunha dimensión ecoloxista e incidirán na súa identificación coa Terra Salvaxe para tentar lexitimar a súa posición de dominio, mais en ningún caso poderán ofrecer unha resposta satisfactoria á cuestión principal: por que o Señor da Terra Salvaxe é precisamente o único que non naceu nela.
CÓMICS CITADOS
*LEE, S. e BUSCEMA, J.: “The night of the looter!” en Savage Tales #1. Marvel, 1971.
*LEE, S. e KIRBY, J.: X-Men #10. Marvel, 1965.
*LEE, S., KIRBY, J. et al.: Daredevil #12-14. Marvel, 1966.
BIBLIOGRAFÍA
*McCLINTOCK, A.: Imperial Leather. Race, Gender and Sexuality in the Colonial Contest. Routledge, London, 1995.
*RIEDER, J.: Colonialism and the Emergence of Science Fiction. Wesleyan Universtity Press, Middletown, 2008.
Imaxe 1: X-Men #10 (1965) por Jack Kirby e Chic Stone.
Imaxe 2: Daredevil #12 (1966) por Jack Kirby e John Romita.
Imaxe 3: Savage Tales #1 (1971) por John Buscema.
Imaxe 4: Savage Tales #1 (1971) por John Buscema.



Comentarios