O Imperio contraataca, Micah Synn contra os Estados Unidos
- edu maroño

- 4 ene 2025
- 12 Min. de lectura

Cando Frank Miller abandonou Daredevil en 1983, o encargado de substituílo foi Denny O’Neil, un escritor todo terreo cunha longa experiencia tanto en Marvel coma en DC. Non era unha misión doada, Miller levara a cabo unha fonda renovación da cabeceira, dotándoa dun sentido do que até entón carecía e deixando polo camiño algúns dos cómics máis influentes do seu tempo. Pola súa banda, O’Neil demostrara a súa boa man escribindo superheroes urbanos nos anos previos, tanto nunha notable etapa en Batman coma en Green Lantern/Green Arrow, serie pioneira na incorporación de contido social ás tramas superheroicas. Porén, a súa estadía en Daredevil non pasaría de discreta. Con certa lóxica, decidiu afastarse pouco a pouco dos sinais de identidade establecidos por Miller e tivo algún acerto, especialmente nos seus primeiros números, mais non chegou a atopar un enfoque propio do que tirar partido nin foi quen de rendibilizar a presenza dun debuxante de talento coma David Mazzuchelli, que daba os seus primeiros pasos na industria norteamericana do cómic. Tres anos máis tarde, Miller regresaría para escribir a saga que hoxe coñecemos como Born Again (Daredevil #227-233), facendo aínda máis visible a atonía dos números escritos por O’Neil.
O arco argumental máis longo de O’Neil foi a saga de Micah Synn, desenvolvida de forma intermitente entre os números #202 e #214 da cabeceira. Nela, asistimos á chegada a Nova York dos Kingorge (inicialmente chamados Kinjorge), unha tribo africana integrada por descendentes de colonos británicos que estaban a explorar o continente africano a finais do século XVIII e que ficaron abandonados á súa sorte cando a metrópole tivo que facer fronte á Revolución norteamericana. Arredados da civilización durante séculos, véndose obrigados a sobrevivir nun entorno hostil e facer fronte aos ataques doutras tribos da zona, a súa cultura foi involucionando até caer nunha caste de salvaxismo. Tras ser descubertos por exploradores belgas e ser revelada a súa existencia ao mundo occidental, os Kingorge chegan aos Estados Unidos convidados por Horatio Piper, profesor da Empire State University, que se pon en contacto co bufete de Matt Murdock e Foggy Nelson na procura de representación legal. O descoñecemento dos códigos de conducta da sociedade de acollida por parte dos visitantes dá lugar a algúns primeiros conflitos, mais axiña queda evidenciado que os Kingorge e especialmente o seu líder, Micah Synn, son violentos, desapiadados e mostran unha inequívoca vontade de dominio. A súa presenza na cidade non só ameaza a orde legal, senón que chega a poñer en cuestión o equilibrio de forzas no crime organizado, o cal dará lugar a unha escalada de confrontacións entre todos eles.
A saga de Micah Synn acóllese aos esquemas dos relatos de colonización inversa que proliferaron na literatura británica cara o final da era vitoriana, narrativas nas que o mundo “civilizado” se ve sometido ao ataque de forzas primitivas que pretenden colonizalo e que expresan tanto a inseguridade dunha sociedade que se percibe a si mesma en decadencia coma a culpa por un pasado imperialista (Arata 1990: 108). Un dos textos paradigmáticos desta tendencia é Dracula de Bram Stoker, respecto do cal a saga de Micah Synn mantén paralelismos notorios. A novela de Stoker narra a chegada a Londres dun aristócrata procedente da Europa oriental, o conde Drácula, coa aparente intención de realizar unhas operacións económicas. Axiña fica revelada a natureza perversa do nobre, portador dunha cultura esotérica e primitiva, que pretende realmente espallar a súa estirpe vampírica no corazón do Imperio Británico. De xeito semellante, os Kingorge chegan aos Estados Unidos convidados pola Empire State University, no que inicialmente se presenta coma unha visita de natureza académica e aínda que o propio Micah Synn afirma, ao pouco da súa chegada a Nova York, que a súa estadía na cidade é temporal (“Ugly, smells bad, be no fit place for a free man. But be nice to visit”, Daredevil #204), pouco máis adiante mostrará a súa vontade de establecerse e aproveitar todas as oportunidades que lle ofrece o sistema social norteamericano.

Dende o primeiro capítulo da saga, O’Neil presenta unha serie de comportamentos abxectos por parte de Synn e os Kingorge. Son polígamos e adoran a unha deidade pagá chamada Mow. Rudos e groseiros nas formas, non mostran respecto cara os seus anfitrións. Desprezan os febles: na súa primeira visita ao bufete de Murdock e Nelson moquéanse abertamente da secretaria Becky Blake e do propio Murdock, pola minusvalía dela e a cegueira del. Non mostran empatía cara o sufrimento dos demais, nin sequera dos seres queridos: cando unha das esposas de Synn morre atropelada nun accidente de tráfico tanto el coma outra das súas mulleres responden cunha gargallada. A súa conducta e o sistema de valores polo que se rexen afástaos irremediablemente da cultura norteamericana e occidental. E porén, son acollidos con fascinación e certo paternalismo polos representantes das clases privilexiadas estadounidenses. Horatio Piper, primeiro e principal responsable da súa chegada ao país, ve neles unha oportunidade para acadar prestixio académico e promoción persoal. O propio Foggy Nelson, inducido pola súa esposa, asume a representación legal da tribo aspirando a obter proxección pública, boa imaxe profesional e rendemento económico. A súa condescendencia é especialmente notoria ao dirixirse a Synn por primeira vez empregando unha ofensiva xerga colonial: “Us be your friends, keemo sabe, give-um mucho help, you betcha” (Daredevil #204). O papel desenvolvido por ambos personaxes, axudando ao desembarco de Synn nos Estados Unidos e prestándolle asistencia legal, aproxímaos ás figuras de Robert M. Renfield e Jonathan Harker na novela de Bram Stoker.
Nos seus primeiros días na cidade, os Kingorge son convidados a festas luxosas ás que asisten membros da clase acomodada neoiorquina, que son testemuñas do seu comportamento vandálico con certo sobresalto, mais tamén cunha actitude tolerante que semella froito dun certo paternalismo. Se a saga dos Kingorge recolle algunha intención crítica, esta semella ir dirixida ás elites económicas e intelectuais norteamericanas, ás que se lles reprocha o seu esnobismo e a incapacidade para identificar unha ameaza evidente.
O’Neil fai fincapé na atracción que Synn esperta nas mulleres, sendo o seu carácter primitivo e violento parte esencial do seu atractivo. Nunha das pasaxes máis desafortunadas da saga, unha muller que vén de contemplar como Synn agride brutalmente a dous policías comenta con outra: “He can brutalize me any old time he wants” (Daredevil #202). Tamén Debbie Harris, a esposa de Foggy Nelson, cae nunha intensa fascinación sexual cara o líder dos Kingorge que non diminúe, máis ben o contrario, cando contempla o seu primitivismo e vulgaridade. O tratamento que O’Neil lle depara á personaxe resulta devastador, retratándoa coma unha arribista, superficial e materialista que introduce a Synn nos círculos do poder económico de Nova York na procura da súa propia popularidade. Namorada do líder dos Kingorge, manipula a súa parella para que adopte as medidas legais que o protexan da acción xusticeira de Daredevil e chega a ameazalo co divorcio se non desacredita publicamente o testemuño da súa empregada, Becky, cando esta declara ter sido agredida polos Kingorge. Despois de romper a amizade do seu marido co seu socio e amigo de mocidade Matt Murdock, abandónao coa intención de comezar unha relación con Synn. Alí atopará o seu castigo, sendo golpeada, humillada e recluída por Synn, que confirma así a súa transgresión dos valores occidentais, tamén no que atinxe ás relacións sentimentais.
Se no caso de Drácula, “the vampire’s vigor is (...) connected with its virility, its ability to produce literally endless numbers of offspring” (Arata 1990: 117), algo semellante pode dicirse de Synn, que non só é polígamo senón que demostra unha inesgotable capacidade de sedución entre as mulleres norteamericanas. Na súa análise da literatura colonial, Anne McClintock deixou establecida a identificación entre o territorio e o corpo feminino, de xeito que a sedución da muller colonizada por parte dun axente do Imperio funciona como metáfora da apropiación do territorio e os seus recursos (McClintock 1995: 3). Na súa versión inversa, o atractivo sexual de Synn entre as mulleres norteamericanas indica a capacidade daquel para penetrar na civilización occidental e aproveitarse das súas vantaxes. Se a presenza dos Kingorge no ecosistema neoiorquino é coma un virus que debilita un corpo san, o seu vehículo de propagación son as mulleres.

Na súa inspirada análise do Dracula de Bram Stoker, Stephen Arata describe o personaxe principal coma “an incipient “Occidentalist” scholar”, expoñendo que “Dracula’s physical mastery of the British victims begins with an intellectual appropiation of their culture, which allows him to delve the workings of the native mind” (Arata 1996: 120). De xeito semellante, os primeiros días da estadía de Synn en Nova York son para el un período de aprendizaxe no que acada unha comprensión acerca do funcionamento da sociedade norteamericana que será fundamental para que decida establecerse de forma permanente nos EUA e comezar un proceso de expansión do seu dominio. O primeiro paso será a aparente asunción da cultura local: Synn esfórzase por falar inglés correctamente e ordénalle aos seus acólitos que fagan o mesmo. A seguir, tenta valerse dos resortes que fornece o sistema legal estadounidense para reclamar os seus dereitos sobre bens que a súa familia posúe no país (Daredevil #210). Coma Drácula, a adquisición de propiedades constitúe un primeiro paso no seu proceso de asentamento e conquista. Consciente da relevancia da opinión pública e do papel que desempeñan os medios de comunicación, maquilla a súa imaxe pública presentándose ante a prensa coma vítima de accións violentas supostamente perpetradas por Daredevil (Daredevil #207). Fronte a materialidade da vida na xungla, Synn descobre que nas sociedades posmodernas o concepto de verdade non é permanente nin incontrovertible: “You know the greatest thing about what you call civilization? It’s not the television... the electricity... the airplanes and the cars. It is the lie! The wonderful lie! In the jungle there was no lie. We were hungry... in danger... Only truth was possible” (Daredevil #213). De novo, a presenza de Synn funciona coma espello que mostra os puntos febles da sociedade estadounidense. O albo da crítica non é propiamente o sistema legal norteamericano, nin as constantemente fetichizadas liberdades de expresión e prensa daquel país, senón a falta de prevención fronte a quen se aproveita fraudulentamente dos mesmos mediante a mentira e o engano.
A actitude que Kingpin, a figura preponderante do crime organizado neoiorquino, mantén cara Micah Synn resulta expresiva da ameaza que aquel supón para o statu quo. Nun encontro persoal entre ambos, Kingpin afirma que aínda que as calidades de Synn fan del un suxeito interesante para os seus intereses, tanto el mesmo coma a organización que dirixe réxense por unha serie de normas. Unha de esas normas é “that we do not touch another man’s wife, for any reason ever”, no que supón unha alusión directa á relación entre Synn e Debbie (Daredevil #206). Malia tratarse dun criminal que perpetra actividades delituosas de toda natureza, Kingpin afirma rexerse por principios morais, o cal sinala unha fenda entre el e o líder dos Kingorge. Despois deste primeiro encontro, Synn identifica a Kingpin coma inimigo, emprendendo toda unha serie de accións en contra dos seus intereses. A consecuencia será o entendemento entre o capo e a súa némese, Daredevil, que acordan actuaren conxuntamente contra Synn. A historia da rivalidade entre ambos personaxes demostra que posúen visións absolutamente contrapostas respecto da legalidade e a xustiza, pero iso non impide que neste caso se sintan unidos por un mesmo sentido moral ou, se se prefire, cultural. Malia todas as súas diferenzas, ambos percíbense mutuamente coma habitantes do mesmo espazo e sitúan fóra do mesmo a Synn. A alianza de Kingpin e Daredevil subliña a alteridade dos Kingorge, que se sitúan fóra dos consensos que manteñen o corpo social unido.
No canto de pechar a saga cun previsible enfrontamento entre Synn e Daredevil, O’Neil optou por un final anticlimático no que o “invasor” entra nun proceso acelerado de decadencia que o levará á súa derrota final. No derradeiro capítulo da saga, Synn abandona o espazo seguro no que se desenvolveu dende a súa chegada a Nova York (o ámbito académico, as festas da alta sociedade) e comeza un periplo polos barrios populares da cidade que conducirá á súa caída. Alí descobre que os seus comportamentos agresivos e antisociais, que foran aceptados coma pintorescos polas elites neoiorquinas, son recibidos con hostilidade por parte dos cidadáns de a pé. Unha primeira pelexa na rúa causada pola súa actitude depredadora deixa en evidencia que a súa forma física se viu prexudicada pola súa estadía na cidade: está visiblemente máis groso e apenas queda rastro da forza formidable que amosou nos días seguintes á súa chegada. Feble e desorientado, intérnase nun bloque de casas deshabitadas onde é atacado por un grupo de homes sen fogar. Cando Daredevil consegue alcanzalo despois de desfacerse dos seus agresores, Synn está xa derrotado. Extenuado, arrastrándose baixo a chuvia, suplícalle ao heroe que lle axude.

Se, como sinalamos, o conxunto do relato segue unha estrutura moi semellante á do Dracula de Bram Stoker, o seu final aseméllase ao doutro gran clásico do colonialismo inverso, A guerra dos mundos. Na célebre novela de H.G. Wells, os invasores de orixe marciana, que deixan Inglaterra devastada tras exhibir unha asoballante superioridade tecnolóxica respecto dos humanos, aparecen mortos unha mañá ao afectarlles letalmente a exposición ás bacterias presentes na atmosfera. O conflito entre dúas civilizacións cun grao de desenvolvemento dispar termina resolvéndose polo principio darwinista da adaptación ao medio (Frank 2009: 82). Algo semellante pode dicirse da caída en desgracia de Micah Synn. A súa longa estadía fóra do seu contexto natural levoulle a perder as súas habelencias extraordinarias, tal e como O’Neil explicita nos textos de apoio que acompañan o final da saga: “The change from the harshest poverty of Micah Synn’s African home to the abundance of New York City was too much. Different food, different air, different lifestyle... and an excess of everything. A lot of it was bad. All of it was too much”. O mesmo American way of life que Synn ameazaba coa súa presenza (a liberdade, a legalidade, a abundancia) resulta ser de seu un antídoto contra as invasións bárbaras.
O retorno do Rei
Ao longo deste texto temos insistido en que a saga de Micah Synn segue a estrutura dos relatos de colonización inversa, nos que as potencias imperiais son representadas como vítimas de intentos de colonización por axentes externos. Cómpre matizar que os Estados Unidos nunca foron formalmente un imperio senón máis ben o oposto, un conxunto de colonias dependentes da Coroa Británica que se emanciparon no século XVIII. Porén, o pulo económico experimentado polo país despois da II Guerra Mundial viu acompañado dunha agresiva política exterior que se traduciu na intervención militar directa en numerosos conflitos internacionais, sen mencionar as numerosas accións encubertas dos seus servizos de intelixencia. Os Estados Unidos desenvolven na segunda metade do século XX novas fórmulas imperialistas, coas que procuran espallar a súa influencia xerando vínculos de dependencia económica, militar e mesmo cultural en terceiros países. En 1984, cando ve a luz a saga de Micah Synn, presidía o país Ronald Reagan, responsable dunha política exterior de signo intervencionista que buscaba socavar a influencia internacional da Unión Soviética e confirmar o liderado mundial dos Estados Unidos.

No tocante aos Kingorge, aínda que proveñan de África son brancos e de orixe europea, concretamente británica. Non só iso, no Daredevil #204 Debbie menciona o rumor de que o seu líder é descendente directo de Enrique IV, que reinou en Inglaterra a principios do século XV. O propio nome da tribo, Kingorge, semella unha obvia alusión ao rei Xurxo III, que ocupaba o trono do Reino Unido cando as colonias norteamericanas iniciaron o proceso secesionista que daría lugar aos Estados Unidos. Xa que logo, Synn e os Kingorge son representantes do Imperio Británico que regresan a finais do século XX aos que no pasado foran colonias da Coroa. Ao longo do relato intervén fugazmente Lord Barrington Synn, descendente da mesma saga familiar que Micah Synn e que sente cara aquel unha fonda animadversión, tanto por considerar que as súas formas primitivas lixan o bo nome da súa familia coma pola posibilidade de que dispute os seus dereitos dinásticos. De aspecto extravagante, pomposo e efeminado, Barrington Synn ilustra a imaxe dunha nobreza británica castrada, decadente e inofensiva; en contraste, Micah Synn representa unha versión viril e embrutecida da vella razón imperial. Se a relixión dos Kingorge indica o sentido moral polo que se rexe a tribo, a oración con que se dirixen á súa divindade deixa poucas dúbidas da súa querenza polo espolio: “Mow has! Mow gets! Mow grabs! Mow eats! Mow gets!” (Daredevil #206). Coa chegada de Micah Synn a pantasma do vello imperialismo colonial chama á porta dos Estados Unidos. Como apunta David M. Higgins:
“In a cultural context dominated by popular anticolonial sentiments, then, it is unsurprising that the imaginative position of the rebel or victim is often appropiated by those who benefit the most from existing social inequities. By imagining oneself as a rebel and collectivily identifying with fantastic forms of victimhood, subjects who already enjoy social hegemony are able to justify (...) new articulations of racism, and countless other forms of violence, all purportedly in the name of security, seld-defense and self-protection” (Higgins 2021: 2).
A resistencia da sociedade norteamericana fronte o ataque dos Kingorge pode interpretarse coma unha reafirmación da súa soberanía, mesmo un eco do fito fundacional da súa Declaración de Independencia e tamén unha lexitimación da súa posición de dominio mundial. A saga de Micah Synn revélase coma un relato autoindulxente, que exalta as fortalezas do sistema cultural norteamericano e xustifica a súa posición de liderado internacional ao tempo que advirte da súa vulnerabilidade, apelando a ideas tan cuestionables coma a desconfianza cara os inmigrantes, a censura das mulleres que se relacionan con eles, o descrédito das institucións académicas ou a posta en cuestión do sistema de garantías legais.
CÓMICS CITADOS
*O’NEIL, D. et al.: Daredevil #202-214. Marvel, New York, 1984-1985.
BIBLIOGRAFÍA
*ARATA, S.: Fictions of Loss in the Victorian Fin de Siècle. Cambridge University Press, Cambridge, 1996.
*FRANK, M.C.: “Reverse Imperialism: Invasion Narratives in English Turn-of-the-Century Fiction” en KNELLWOLF KING, C. e RUBIK, M. (Eds.): Stories of Empire. Narrative Strategies for the Legitimation o fan Imperial World Order. WVT Wissenschaftlicher Verlag Trier, Trier, 2009.
*HIGGINS, D.M.: Reverse Colonization. Science Fiction, Imperial Fantasy, and Alt-Victimhood. University of Iowa Press, Iowa, 2021.
*McCLINTOCK, A.: Imperial Leather. Race, Gender and Sexuality in the Colonial Contest. Routledge, New York, 1996.
IMAXE 1: Daredevil #212 (1984) por David Mazzuchelli, Danny Bulanadi e Pat Redding.
IMAXE 2: Daredevil #202 (1984) por William Johnson e Danny Bulanadi.
IMAXE 3: Daredevil #213 (1984) por David Mazzuchelli e Danny Bulanadi.
IMAXE 4: Daredevil #214 (1984) por David Mazzuchelli.
IMAXE 5: Daredevil #210 (1984) por David Mazzuchelli e Danny Bulanadi.



Comentarios