O universo é o seu patio de recreo
- edu maroño

- 5 nov 2025
- 7 Min. de lectura

Un dos moitos acertos de John Byrne durante a súa etapa á fronte de Fantastic Four foi o de afastar a cabeceira da ortodoxia superheroica e recuperar o espírito aventureiro e de ciencia ficción que estaba xa presente na definición inicial de Stan Lee e Jack Kirby. Durante a súa longa estadía na serie, Byrne leva recorrentemente os Catro Fantásticos ao espazo exterior ao tempo que escolle a boa parte dos seus adversarios entre o elenco de personaxes cósmicos de Marvel (Galactus, Terrax, os Skrulls), incorporando aos relatos numerosos elementos de ciencia ficción. Un bo exemplo deste enfoque sería o ciclo desenvolvido entre o Fantastic Four #251 e o Fantastic Four #256 (1983), no que a familia superheroica embarca nun módulo espacial que os levará de viaxe pola Zona Negativa, a dimensión paralela que Lee e Kirby crearan nas páxinas da cabeceira en 1961. A partir dese intre, Byrne encadea unha serie narracións breves, de apenas un ou dous capítulos, nos que os 4F visitan planetas descoñecidos e entran en contacto con civilizacións extraterrestres, dirixindo a cabeceira cara os lugares comúns da ciencia ficción colonial.
No capítulo titulado Quest (Fantastic Four #253, 1983), o módulo de exploración dos 4F é absorbido por un enorme navío espacial que vaga pola Zona Negativa. A grandiosidade do vehículo e a súa avanzada tecnoloxía contrastan cun interior envellecido e decadente. Os seus tripulantes, unhas criaturas alieníxenas de gran tamaño, recíbenos con agresividade, desencadeando unha primeira liorta que é interrompida polo oficial ao mando do navío, “o Capitán”, que avoga por un achegamento máis civilizado. No decurso dunha conversa cos seus hóspedes, o Capitán explica as circunstancias que deron lugar á súa viaxe. A súa foi unha civilización próspera, que desenvolveu durante séculos unha cultura pacífica, espiritualmente desenvolvida e tecnoloxicamente avanzada no planeta Kestor. Mais esta sociedade utópica veuse truncada cando os sacerdotes-científicos kestoranos descubriron que a crecente actividade sísmica que se estaba a detectar no planeta tiña a súa orixe nun desprazamento das órbitas das lúas que o rodeaban. Agoirando a inminente destrución do seu mundo, os kestoranos deseñaron un plan de evacuación: vinte mil individuos abandonarían o planeta nunha embarcación espacial, o Esperanza de Kestor, e emprenderían unha viaxe na procura dun novo mundo onde establecerse. Cando o navío espacial abandonaba Kestor, o sol ao redor do cal xiraba estoupou, danando parte das computadoras que controlaban a navegación. Ante a imposibilidade de dirixirse cara un destino certo, a computadora central decidiu encomendar a cincocentos kestoranos a navegación do navío, mentres os restantes permanecían en animación suspendida até chegaren a un planeta habitable. Entre aqueles primeiros tripulantes do Esperanza de Kestor e os que contactan cos Catro Fantásticos median cincocentas xeracións.

A peregrinación dos kestoranos polo universo na procura dun lugar onde establecerse garda un evidente paralelismo coa fuxida do pobo xudeu cara a terra prometida que recolle o libro do Éxodo. Coma os israelitas, os principais elementos constitutivos da identidade colectiva dos superviventes kestoranos son o abandono traumático do seu fogar, do que manteñen unha memoria idealizada, e o compromiso de conservar, protexer e restaurar o seu legado cultural. Este paralelismo parece ter sido procurado deliberadamente por Byrne, que non só deixa ben clara relevancia da relixión na civilización kestorana, senón que impregna dun sentido relixioso a catástrofe que acabou co seu mundo e a misión asumida polos superviventes. A retórica do mandato divino, do pecado e da tentación demoníaca asoman en determinados momentos do relato. Tanto os científicos do desaparecido planeta Kestor coma os oficiais do Esperanza de Kestor son ao mesmo tempo ministros relixiosos que adoptan, cando a solemnidade do momento o esixe, unha vestimenta semellante á dos patriarcas bíblicos (túnica e vara). O Capitán revélase coma un novo Moisés, a guiar o seu pobo cara a Terra Prometida.
O relato do Éxodo está intimamente vinculado a varios dos mitos fundacionais dos Estados Unidos. Tanto os peregrinos do Mayflower coma os puritanos concibiron a súa migración cara América do Norte no século XVII coma un “Novo Éxodo”, no que eles mesmos se percibían coma o pobo elixido que foxe dunha Europa tiránica e espiritualmente corrupta. Posteriormente, os promotores da Revolución Americana procuraron no Éxodo a lexitimación moral do proceso secesionista, establecendo un paralelismo entre as normas e impostos da Coroa Británica, que consideraban abusivos, e a tiranía do Faraón cara o pobo xudeu (Hendel, 156). Ademais de estar integrado nos credos cristián e xudeu, o mito do Éxodo foi tamén un referente crucial para os primeiros conversos mormóns, que abandonaron a relativa seguridade de Nova Inglaterra para se internaren no oeste norteamericano seguindo ao seu fundador, Joseph Smith Jr (Repphun, 45). Esta intensa afinidade do relato con eventos históricos explica a súa influencia en numerosos produtos de cultura popular, sendo o caso máis obvio o filme Os dez mandamentos (1956) de Cecil B. DeMille, que adapta a mensaxe da pasaxe para o contexto da Guerra Fría (Hendel, 168). A actualización do mito ten sido especialmente notoria en produtos de ciencia ficción coma a serie de TV Battlestar Galactica (1978) ou a novela Ender’s Game (1985) e as súas secuelas, ambas creadas por autores mormóns, Glen Albert Larson e Orson Scott Carr respectivamente (Dillon, 1 e Repphun, 49).

O encontro entre kestoranos e humanos resulta ser afortunado para a peregrinación dos primeiros. Reed Richards revisa os computadores danados e habilita o necesario para conducir a nave até o que semella ser un planeta habitable. Unha vez alí, o Capitán e o seu segundo oficial, chamado Número Un, descenden solemnemente para tomar un primeiro contacto co novo mundo. Apenas poñen o pé no terreo, un medo irracional se apodera deles, regresan ao interior da nave e o Capitán ordena o inmediato despegue do navío. Cuestionado por Richards, o Capitán rexeita o planeta elixido dicindo que non é apto para o asentamento dos kestoranos, que deberán continuar coa súa busca. A interpretación de Míster Fantástico é que os tripulantes do Esperanza de Kestor están adaptados ao medio no que se desenvolveron os seus ascendentes durante cincocentas xeracións, o propio navío, e non conciben a vida nun entorno planetario. Mais esa circunstancia non afectaría aos kestoranos en animación suspendida, que si poderían colonizar o novo planeta, polo que os catro Fantásticos intentan impedir o despegue. O Capitán rexeita o razoamento de Richards afirmando que os kestoranos non están sometidos á evolución por teren acadado xa a perfección. No decurso do conflito entre uns e outros revélase o segredo que o primeiro oficial da nave e os seus devanceiros gardaran dende a desaparición do planeta Kestor: os danos sufridos pola nave tras a explosión do sol afectaron tamén ao sistema de conservación dos kestoranos en animación suspendida, que faleceron irremediablemente. O Capitán non pode asumir a revelación e morre. Os superviventes kestoranos reinician a súa viaxe sen rumbo, os Catro Fantásticos abandonan a nave e continúan a explorar a Zona Negativa.
Estariamos, xa que logo, perante unha revisión en ton amargo do mito do Éxodo, no que o pobo errante acada o seu destino, “a Terra Prometida”, mais non é capaz de recoñecelo como tal. Chama a atención que, na resolución do relato, Byrne recorra á denominada doutrina da progresión eterna, que Eric Repphun sinala coma outro lugar común da ciencia ficción mormoa. Con fundamento no libre albedrío e no rexeitamento do pecado orixinal, o credo mormón considera que os seres humanos poden evolucionar até a perfección e convertérense eles mesmos en deuses tras un proceso de progresión eterna (Repphun 2012, 46). A afirmación de que os kestoranos non evolucionan porque xa acadaron a perfección transgride este postulado e conduce ao desastre: o Capitán morre e a tripulación queda condenada a vagar eternamente pola Zona Negativa. É difícil aventurar se Byrne está a citar deliberadamente a doutrina da progresión eterna ou se simplemente condena os kestoranos por negar o principio darwinista da evolución das especies.

O argumento de Quest sitúanos na intersección entre a narrativa de ciencia ficción e o discurso imperialista. Para a civilización kestorana, a colonización dun outro planeta é a solución ao catastrófico final do seu mundo natal, mais esta decisión conta cunha dimensión ética que o relato non aborda explicitamente. Teñen dereito os kestoranos a asentarse nun planeta do que non son orixinarios? Nas poucas imaxes que se nos ofrecen do planeta elixido por Reed Richards albíscase un mundo cheo de vida, cunha natureza vizosa, vexetación abondosa e vida animal variada, con criaturas que semellan insectos e mamíferos. É lexítimo que toda unha civilización de vinte mil individuos se estableza nun territorio vivo e habitado, co impacto que supón? Pode obrigarse aos habitantes orixinarios do lugar, sexan intelixentes ou non, a asumir as consecuencias da colonización do territorio no que viven por parte dunha especie allea? Como adiantamos, Byrne non aborda a cuestión de forma explícita, probablemente por exceder os límites do que quería contar no seu relato, mais a súa resposta está implícita. É obvio que os kestoranos consideran lexítimo o seu plan de colonización, mais o realmente relevante é a toma de posición de Reed Richards e os seus, que non só asumen sen obxeccións o plan de asentamento colonial, senón que contribúen entusiasticamente a que poida levarse a cabo. Nada incoherente, se temos en conta que, na mesma etapa de John Byrne, os Catro Fantásticos apoian un golpe de estado nun país estranxeiro e deciden unilateralmente establecer unha colonia extraterrestre na Lúa. O mundo, o universo enteiro é o patio de recreo desta familia de norteamericanos brancos.
COMICS CITADOS
BYRNE, J.: Fantastic Four #253, Marvel Comics, New York, 1983.
BIBLIOGRAFÍA
*DILLON, G.L. (2012): “Diaspora narrative in Battlestar Galactica” en Science Fiction Film and Television, Vol. 5, Issue 1, 2012.
*HENDEL, R. (2018): “The Exodus in America” en BARKER, J.W. et al. (Eds.): Found in Translation. Essays on Jewish Biblical Translation in Honor of Leonard J. Greenspoon. Purdue University Press, 2018.
*REPPHUN, E. (2012): “Mormon Science Fiction: Tales of Interstellar Exodus and Perfection” en CUSACK, C. e NORMAN, A. (Eds.): Handbook of New Religions and Cultural Production, Brill, 2012.
Imaxes 1-4: Fantastic Four #253 (1983) por John Byrne.



Comentarios