top of page

O Doutor Doom, o noso fillo de puta (dispensando)

  • Foto del escritor: edu maroño
    edu maroño
  • 7 dic 2023
  • 10 Min. de lectura



This land is mine!, aventura recollida no Fantastic Four #247 (1982), contén unha das múltiples confrontacións entre os Catro Fantásticos e o seu antagonista por excelencia, o Doutor Doom. Escrito e debuxado por John Byrne cando apenas transcorrera o primeiro ano da súa prestixiosa etapa na cabeceira do cuarteto superheroico, o capítulo resulta interesante tanto polos matices que introduce na caracterización do supervilán, unha das figuras máis sinistras do Universo Marvel, coma polo xeito en que expresa ideas hexemónicas nos Estados Unidos dos anos 80 acerca das nacións europeas e do papel dos EUA nas relacións internacionais.


A historia arrancaba no Fantastic Four #246 (1982), no que os Catro Fantásticos levaban o corpo de Doom, aparentemente sen vida, á Embaixada de Latveria en New York. Alí eran atacados polos autómatas axudantes do vilán, que conseguían recuperar o corpo do seu creador e reanimalo. Despois de recuperar a consciencia, Doom conseguía someter os 4F e transportalos a unha Latveria que aparecía ante os seus ollos coa fasquía dunha zona de guerra: deserta, con edificios derruídos e rúas destrozadas. Doom acusaba da destrución do país ao que fora o seu sucesor no trono, Zorba Fortunov, o cal era un xeito de responsabilizar do desastre os Catro Fantásticos, que no seu día axudaran a Zorba a substituír a Doom como soberano do país. O argumento desta historia remitía a un arco anterior, que se desenvolvera entre o Fantastic Four #198 e o Fantastic Four #201 (1978), todos eles escritos por Marv Wolfman e debuxados por Keith Pollard e Joe Sinott. Neles, os Catro Fantásticos colaboraban coa revolta liderada por Zorba, que se proclamaba aspirante lexítimo á Coroa de Latveria por ser descendente dun antigo monarca do país. Zorba chegaba a asaltar o castelo de Doom liderando unha guerrilla armada e contando coa axuda decisiva de Reed Richards, que sería quen derrotaría definitivamente a Doom. Aquela aventura concluía con Doom recluído con síntomas de doenza mental e cos 4F deixando o país nas mans dun Zorba comprometido coa democracia e aceptado pola comunidade internacional. Sen dúbida, unha paisaxe moi distinta á que o cuarteto heroico atopa no seu regreso á pequena nación europea.



Os 4F sospeitan das acusacións de Doom, mais o seu relato será axiña corroborado por algúns dos habitantes de Latveria. Nas rúas da capital do país aparecen un cativo e a súa nai, que relatan o acontecido dende o ascenso de Zorba ao poder. A derrogación das leis de Doom e a falta de autoridade do seu sucesor levaron a un rexurdimento do crime e a un empobrecemento da poboación, que se viron seguidos dunha política de represión violenta que pretendía sufocar as protestas populares. O resultado foi o radical afastamento entre o dirixente e o seu pobo, a suspensión indefinida da celebración de eleccións libres e a instauración dun réxime autoritario e violento garantido pola policía robótica que creara Doom. Ante este relato dos feitos e despois de comprobaren en primeira persoa o clima de terror e violencia que Zorba mantén nas rúas, os Catro Fantásticos asumen a necesidade de colaborar con Doom para depoñelo do seu cargo.


O que se presentara no pasado coma unha acción heroica, a “liberación” de Latveria da tiranía de Doom e a súa substitución por Zorba, preséntase agora coma un grave erro dos Catro Fantásticos que tivo ademais severas consecuencias para os habitantes do país. Un argumento coma este, que asume a falibilidade dos heroes e os aboca a cooperar co seu arquienemigo para emendar o seu erro, cobra sentido no proceso de evolución que as historias de superheroes experimentaron cara o final dos anos 70 e a primeira metade dos 80, cando deixaron de ser fantasías coloristas para acoller as fórmulas de folletíns e relatos seriais, situando no centro do relato a personaxes mellor definidos que debían confrontar dilemas cada vez máis complexos. Peza fundamental deste proceso foi a redefinición das figuras antagonistas, os tradicionais superviláns, que deixaron de ser malvados de opereta movidos por impulsos megalómanos para tornar en figuras máis ambiguas, dotadas dalgúns atributos (certa nobreza, motivacións comprensibles) cos que o lector podía identificarse nalgunha medida. Personaxes coma o Magneto de Chris Claremont, o Punisher de Mike Baron ou o Deathstroke de Marv Wolfman non se identificaban xa coa maldade inequívoca. Máis ben comezaban a perfilarse coma versións destorcidas duns heroes dos que xa non estaban tan afastados.



Os acontecementos do Fantastic Four #247 ofrecen unha versión do Doutor Doom que matiza, cando non contradí abertamente, o retrato do personaxe que fora asentándose nos anos previos e que o presentaban coma un tirano despótico que procura sempre o seu propio beneficio e non agarda outra cousa do seu pobo que a submisión absoluta. A modo de exemplo, nos Fantastic Four #84-87 (1969), o cuarteto viaxa a unha Latveria que se presenta ao lector coma un país sometido a un réxime totalitario, paternalista e cruel. Stan Lee e Jack Kirby, creadores de Doom, retrátano coma un autócrata que goberna o seu país desapiadadamente, segundo os seus propios intereses e valéndose da violencia para eliminar calquera disidencia, por máis que afirme insistentemente amar Latveria e a súa xente:


Have I not told you how dearly I love my subjects? (...) The welfare of my people is ever closest to my heart! What a pity that I am so often forced to save you from yourselves! That is why my invincible robot army stands guard both night and day! For no one knows what is best for you except your mighty sovereign... Doctor Doom!”.


Esta caracterización do personaxe será recollida polos sucesivos autores que se ocuparon da franquía despois da saída dos seus creadores. Case unha década máis tarde, no Fantastic Four #198 (1978), capítulo no que se coñece por primeira vez a conspiración de Zorba para tomar o poder en Latveria, Wolfman e Pollard mostran un Doom megalómano, despótico e vaidoso que obriga os seus súbditos a manifestarlle a súa adhesión en pomposas cerimonias públicas: “Look at those mindless cretins, prancing like headless chickens. It does a monarch’s heart proud to see his subjects so willing to debase themselves at my command”. Segundo esta caracterización inicial, que foi respectada durante dúas décadas, o amor de Doom polo seu país e os seus habitantes non deixa de ser unha proclamación retórica que o tirano emprega coma coartada para a súa conducta egocéntrica e autoritaria.



Na súa etapa, Byrne modifica tanto a relación de Doom co seu pobo coma o propósito que guía a súa conducta coma gobernante. No Fantastic Four #247 fica establecido que os cidadáns de Latveria senten cara Doom un respecto solemne, próximo ao temor, mais que o consideran un gobernante xusto e lexítimo. Tanto a primeira muller que atopa nas rúas de Doomstadt tras o seu retorno a Latveria, coma Josef, o burgomestre da cidade que aparece máis adiante, recíbeno con ledicia e esperanza, diríxense a el coa expresión “mestre” e mostran en todo momento un respecto reverencial. En contraste co desprezo cara o pobo que mostrara en etapas anteriores, Doom responde agora con reciprocidade, tomando a muller baixo a súa protección, convidándoa a falar libremente e indignándose polo sufrimento provocado polo desgoberno de Zorba. Máis adiante, reencontrarase co que fora a súa man dereita cando exercía de soberano, o ancián Boris, que fora encarcerado por Zorba. A escena na que Doom o libera da súa prisión levándoo en brazos constitúe, con toda probabilidade, a primeira ocasión na que o noutrora desapiadado vilán é representado mostrando xenuína empatía cara outra persoa.


Consecuentemente, este novo Doom non exerce (nin exercía, en retrocontinuidade) o poder para satisfacer as súas propias arelas megalomaníacas, senón para mellorar as condicións de vida dos seus compatriotas. Velaí o relato que o propio Doom fai da transformación social e política obrada polo seu acceso ao poder:


When I seized control of my native land she was a pitiful joke of a country, with a feudal monarchy that was slowly destroying her. Within months Latveria would have been swallowed by the communist lands which surround our hills. But i brought modern technology to Latveria, and forged in the white hot furnace of science a new nation that might one day have ruled the world. And all I took from the people was a single freedom... one which Zorba has evidentally restored... the freedom to commit evil!”.



Malia a desconfianza dos Catro Fantásticos, os distintos cidadáns de Latveria que aparecen no Fantastic Four #247 dan testemuño da prosperidade, desenvolvemento económico e paz social do país baixo o mandato de Doom:


Then was Latveria a happy kingdom, though we knew not how happy, free of all the strife which so troubles the rest of the world. Under the rule of Doctor Doom each man and woman had all they could desire, and we would call out our thanks as he passed amongst us, his faithful servant and retainer Boris ever at his side”.


Coa súa reescritura do personaxe, Byrne transforma a Doom nun gobernante lexítimo, tanto por contar co apoio do seu pobo coma polo benestar social que resulta do seu goberno. Pola contra, o seu adversario Zorba carece de lexitimidade pola súa incapacidade para servir a un pobo que o rexeita masivamente. De aí que, por sorprendente que poida parecer se consideramos a historia previa dos personaxes, os Catro Fantásticos decidan loitar man a man con Doom contra as tropas de Zorba e, indirectamente, acompañalo no seu asalto ao trono de Latveria. Byrne crea un escenario no que tal colaboración cobra sentido, convertendo a Doom nun personaxe menos unidimensional, máis ambiguo e, dalgún xeito, próximo aos seus opoñentes.


Vangarda do imperialismo norteamericano



Latveria comezou sendo un castelo. Nas primeiras aparicións do país ficticio todo acontecía dentro da fortaleza que habitaba Von Doom, un castelo de conto que se nos mostraba illado, no medio de ningures. Non foi até o Fantastic Four #84 (1969) que Lee e Kirby decidiron mostrar unha imaxe máis detallada do “pequeno país balcánico”, nunha historia na que os 4F cruzaban a fronteira dende un país limítrofe “ocupado polo comunismo” e chegaban a unha vila que tiña o aspecto dun burgo centroeuropeo, con portas medievais, vivendas de dúas plantas con tellado de madeira e a inevitable igrexa con reloxio. Entre os indíxenas podemos ver soldados con uniforme de húsar, pousadeiros de bigotes revirados, veciños con vestimenta de cigano e mulleres con sombreiros extravagantes. Unha mestura de exotismo e extravagancia que nos fala máis das ideas preconcibidas dos autores que da realidade dos Balcáns nos anos 60.


A sucesión de equipos creativos nos anos seguintes non supuxo cambios na caracterización do país e tampouco a chegada de Byrne, que afonda no clixé creado polos seus predecesores. Os varóns que o canadense debuxa no Fantastic Four #247 empregan preferentemente roupas que se asemellan ao traxe tradicional tirolés: peto con tirantes e pantalón curto, medias altas e botas, sombreiro alpino; a muller que sae ao encontro de Doom ten aspecto de xitana, con saia longa e pano na cabeza; o código occidental de vestimenta urbana está totalmente ausente. Nos anos 80, este aspecto camponés, pintoresco e exótico dos habitantes de Latveria resultaba aínda máis anacrónico que na etapa inaugural de Lee e Kirby. En contraste con New York, a megalópole futurista da que procedían os Catro Fantásticos, a patria de Doom aparecía retratada coma un país rural e bucólico, atrapado no pasado, alleo por completo ao desenvolvemento urbano e (se exceptuamos o castelo de Doom) o progreso tecnolóxico. Viaxar a Latveria era desprazarse no tempo ademais de no espazo.


Non é difícil establecer unha relación entre a visión que reflicten estes cómics da Europa balcánica e as ideas hexemónicas nos Estados Unidos da época respecto do Vello Continente. A intervención dos EUA na Segunda Guerra Mundial marca o inicio da etapa de prosperidade económica e desenvolvemento tecnolóxico que levaría o país a converterse na primeira potencia mundial durante o que restaba do século XX. Ademais, a súa decisiva contribución á derrota do nazismo, divulgada a través da cultura popular (cine e TV, cómic, literatura...), incide na eclosión dun paternalismo dos EUA cara unha Europa que perdeu o liderado histórico e pasa a percibirse coma feble e dependente. Refórzase así a idea do “american exceptionalism”, fondamente asentada na sociedade daquel país: a autopercepción coma nación única, superior moralmente, chamada a exercer o liderado mundial. Na segunda metade do século XX, Estados Unidos asume unilateralmente o papel de protector das democracias liberais en todo o mundo ou, en afortunado sintagma, “leader of the free world” (Deudney e Meiser, 2012), despregando sucesivas políticas de intervención activa no contexto internacional, tanto mediante accións militares coma en operacións encubertas instigadas pola CIA. Inxerencias deseñadas en beneficio dos intereses norteamericanos que, porén, se presentan ao mundo baixo pretextos de defensa de valores superiores coma a liberdade ou a xustiza.



É neste contexto onde cobra sentido a intervención recorrente dos Catro Fantásticos nos cambios de réxime en Latveria. Nos episodios que estamos comentando, o cuarteto superheroico decide unilateralmente quen debe ocupar o trono de Latveria e, por tanto, rexer os designios do país e os seus habitantes, emprendendo as accións (violentas) precisas para conseguilo, ben uníndose a insurreccións armadas, ben iniciándoas eles mesmos. A imaxe de catro superheroes norteamericanos a subverter o réxime político dun país estranxeiro espella inxenuamente a política de intervención internacional dos sucesivos gobernos dos EUA ao longo da historia e, con ela, a concepción do mundo que xustifica tales intervencións.


Cara o final de This land is mine!, dáse a entender que Doom asasina a Zorba, o cal non impide que Reed Richards confirme a súa restauración coma monarca de Latveria, por máis que o faga baixo a condición de que adique todos os seus esforzos á recuperación do país. A transformación de Doom nun personaxe multifacético, ao que se lle recoñece certa nobreza, amor polo seu pobo e capacidade para gobernar con eficacia e xustiza, leva aos Catro Fantásticos a comportárense cun cinismo inédito até ese momento: deixan Latveria nas mans dun bo gobernante obviando que se trata dun tirano autoritario e violento. John Byrne reflicte con inxenuidade (e sen que se albisquen intencións críticas) o intervencionismo norteamericano da segunda metade do século XX, xustificándoo coma una solución incómoda pero necesaria: os Estados Unidos depoñen a un gobernante e substitúeno por outro pouco partidario da democracia e un chisco magnicida, pero bo xestor, reservando para si a posición de árbitro que controlará o seu mandato e ameazando veladamente con intervir de novo de consideralo necesario. Doom pasa a ser o autócrata útil para os intereses norteamericanos, que pacifica o país e estabiliza a zona ao tempo que, coma el mesmo proclamara páxinas atrás, contribúe a frear a expansión do comunismo. O propio Richards podería dicir de el o que supostamente dixo Franklin Delano Roosvelt de Anastasio Somoza: “será un fillo de puta, pero é o noso fillo de puta”.

 

CÓMICS CITADOS

*BYRNE, J.: Fantastic Four #246-247. Marvel, 1982.

*LEE, S., KIRBY, J. et al.: Fantastic Four #84-87. Marvel, 1969.

*WOLFMAN, M., POLLARD, K. et al.: Fantastic Four #198-201. Marvel, 1978.

 

BIBLIOGRAFÍA

*DEUDNEY, D. e MEISER, J.: “American Exceptionalism” en COX, M. e STOKES, D.: US Foreign Policy. Oxford Universtity Press, New York, 2012.


Imaxes 1, 5, 6, e 8: Fantastic Four #246 (1982) por John Byrne.

Imaxe 2: Fantastic Four #198 (1978) por Keith Pollard e Joe Sinott.

Imaxe 3: Fantastic Four #84 (1969) por Jack Kirby e Joe Sinott.

Imaxe 4: Fantastic Four #85 (1969) por Jack Kirby e Joe Sinott.

 

Comentarios


Join my mailing list

Thanks for submitting!

© 2023 by The Book Lover. Proudly created with Wix.com

bottom of page