Abrirlle a porta a unha muller
- edu maroño

- 19 dic 2020
- 4 Min. de lectura

“Is there a rule that says a liberated woman can’t have doors opened for her?”. A frase pronúnciaa un tal Geoff cando sae dun restaurante acompañando a Lois Lane. Acaban de cear, os dous visten de forma elegante, a xente recoñece a célebre reporteira. Apenas saen á rúa pasan varios coches de policía coas luces de alarma acesas. A Lane úlelle a noticia e marcha correndo, deixando colgado ao tal Geoff. Non volveremos saber nada máis del. A xornalista segue a policía ata o peirao de Metropolis, onde apareceu o corpo sen vida dunha cativa. Habilmente, consegue burlar o cordón policial e achegarse ao inspector Henderson, o axente ao cargo, que se ofrece a cubrila cun paraugas:
-Sheesh, look at you, getting soaked, ruining that fake fur...! Juarez! Dig up an umbrella or something for Miss Lane, will you?
-Thanks, but it’s really not necessary.
-C’mon Lois, let me be a gentleman.
Outra vez, e van dúas, un ofrecemento que parece máis ben unha protesta.
Geoff e o inspector Henderson coñecen a Lois Lane, saben que é unha muller liberada, que é feminista, e os homes poden aturar que unha muller sexa feminista se non senten que a súa posición de privilexio está ameazada. Pero a insistencia cansa e as condutas reivindicativas destorcen o xeito de relacionarse, molestan. Por iso pídenlle a Lane que non sexa feminista todo o tempo, que dea unha tregua na súa batalla pola igualdade e deixe que reine de novo, aínda que sexa temporalmente, o vello marco de relacións no que as mulleres aceptan con gratitude as atencións dos homes.
Diso vai esta miniserie que Mindy Newell e Gray Morrow crearon en 1986, de homes que queren abrirlle a porta a mulleres pero só en sentido literal. Cando se trata de abrir portas metafóricas a cousa cambia. A raíz do acontecido no peirao, Lane interésase polos casos de menores desaparecidos, uns secuestrados e outros fugados, fala con familiares, visita casas de acollida e servizos de mediación familiar. Entrementres, vese obrigada a pelexar cos seus superiores para recibir un tratamento laboral digno. Dende a súa primeira aparición no escenario policial, o seu traballo comeza a ser fiscalizado polos editores do Daily Planet e incluso por algún compañeiro que pasaba por alí. Todos, nun intre ou outro, recoñecen a súa valía persoal e a calidade do seu traballo, pero tamén todos contribúen a acoutar o seu espazo de influencia. O seu primeiro artigo é literalmente “soterrado” nas páxinas do xornal; a súa reportaxe posterior asígnaselle ao suplemento de “variedades” que dirixe outra muller. Lane rebélase porque non quere que a súa investigación apareza “entre artigos de moda e saúde”, négase a ser confinada no “espazo feminino”. Intelixentemente, Newell prefire non crear un antagonista único, limítase a amosar unha estrutura de poder difusa (pero integramente masculina) que exclúe a Lane de forma natural.

Errará quen pense que este é un cómic panfletario. A escritora dirixe a súa atención cara o asunto investigado pola xornalista, nunha aproximación que por veces se achega ao documental, e mantén a dialéctica entre Lane e os seus superiores nun segundo plano. E sen embargo, consegue ofrecer tamén un relato en tempo real do backlash que acuñara Susan Faludi, mostrando como o feminismo de Lois Lane non é combatido con argumentos pero si con feitos. Malia a aparente tolerancia fronte as posicións da xornalista, a irmandade masculina tapona reiteradamente as súas iniciativas. No ambiente flota a idea de que todo sería máis doado e ela mesma sería máis feliz se abandonase a súa loita.
Un outro aspecto destacable desta obra é que xorde dunha visión que soborda as convencións do cómic superheroico que imperaba naquela altura, poñendo unha personaxe que tiña tras de si case 50 anos de historia ao servizo dun relato centrado nun problema social demasiado devastador para ser enfrontado por heroes enmascarados. Abonda cun mínimo de perspectiva histórica para decatármonos de que facer daquela un cómic de Lois Lane no que non aparece Superman (aínda que si Clark Kent) era unha decisión creativa arriscada. En 1986, as olladas transformadoras das historias de heroes enmascarados estaban no ambiente e non só na cabeza dos creadores de Watchmen e Batman: The Dark Knight returns.
A crueza dos feitos que se relatan (menores mortos e vítimas de violencia, meniñas violadas) fixo imposible que o Comics Code autorizara o uso do seu selo en portada, o que sen dúbida tivo que afectar á súa distribución. Inicialmente prevista coma miniserie de catro números, apareceu publicada en dous do dobre de páxinas; DC quería sacala do medio o antes posible. Paradoxos, o cómic ficaba “soterrado” entre as novidades do mes por unha estrutura de poder difusa. Nunca que eu saiba foi reeditado aínda que está dispoñible en versión dixital nunha plataforma de venda online. Tim Hanley atribúe a mala fortuna da miniserie ao feito de coincidir co relanzamento da serie (e a marca) de Superman por parte de John Byrne e apunta que o editor Andy Helfer prometeulle a Mindy Newell unha segunda serie limitada protagonizada pola xornalista que nunca chegaría a materializarse. A escritora estivo en activo só uns poucos anos máis. Poucos cómics poden considerarse “malditos” con maior merecemento.
*FALUDI, S.: Backlash. The undeclared war against American Women. Crown Publishing Group, 1991.
*HANLEY, T.: Investigating Lois Lane. The turbulent history of the Daily Planet's ace reporter. Chicago Review Press, 2016.
*NEWELL, M. e MORROW, G.: Lois Lane #1-2, DC Comics, 1986.
Imaxes 1 e 2: Lois Lane #1 by Gray Morrow e Joe Orlando.



Comentarios