top of page

Black Power mutilado

  • Foto del escritor: edu maroño
    edu maroño
  • 5 jul 2021
  • 4 Min. de lectura

Actualizado: 31 oct 2021


En 1980, Marv Wolfman e George Perez relanzaron a vella cabeceira de The Teen Titans baixo o nome de The New Teen Titans. Nela recuperaron algúns dos membros fundadores do equipo (caso de Robin, Kid Flash ou Wonder Girl), reciclaron un vello secundario da Doom Patrol (Changeling/Beast Boy) e engadiron tamén personaxes de nova creación, que foron os que definiron o novo rumbo da serie nos seus primeiros capítulos e lle deron un significado alén da condición de sidekicks dos seus protagonistas. As primeiras aventuras do grupo xiraban arredor de personaxes coma Starfire e Raven, o que dotou a cabeceira dunha dinámica propia afastada da das principais figuras de DC Comics, das que mesmo se emanciparon formalmente (TNTT #4). O outro personaxe de nova creación foi Victor Stone, Cyborg, un mozo que perdeu a metade do corpo nun accidente ocasionado por un experimento científico do seu pai e que foi reconstruído con pezas mecánicas que lle concederon poderes extraordinarios.


Metade humano, metade máquina, Cyborg era ademais o único personaxe afroamericano do grupo e un dos poucos na DC daqueles anos. O activismo político do black power comezara décadas atrás, a súa penetración na cultura popular levaba anos consolidada e porén, a presenza de personaxes pretos en DC era menor e menos significativa que na compañía veciña, Marvel Comics, que contaba xa dende había anos cos máis relevantes Black Panther, Power Man ou The Falcon. Victor Stone encaixaba sen moitas dificultades no estereotipo establecido pola blaxploitation dos anos 70: vivía nun apartamento desleixado dun barrio humilde de New York, tiña un aspecto atlético, empregaba o slang e comportábase con certa chularía. A través del, Wolfman e Perez introducen na serie algunhas subtramas relacionadas coa cuestión racial, aínda que o fan timidamente e de forma dixerible para un pensamento hexemónico pouco proclive a dar bóla nestes asuntos. Resulta abondo significativo o capítulo 2 da miniserie Tales of the New Teen Titans (1982) no que se explora a orixe do personaxe. Nel revélase que Stone se vira envolto en pelexas de bandas cun motivo racial na súa mocidade, pero que a súa participación se debera á influencia perniciosa dos que eran o seu mellor amigo e a súa parella naquela altura. Estas vivencias fortalecen as súas verdadeiras conviccións, que negan a existencia de condicionantes sociais e redúceno todo a cuestións individuais: non existen problemas de raza, só existen dificultades persoais; fronte o sentido de comunidade, individualismo e meritocracia. Música para os oídos duns Estados Unidos que se abrían á era Reagan.


Diríase, xa que logo, que Vic Stone era o representante da comunidade afroamericana na serie e mesmo en DC Comics pero que, lonxe de ser unha figura combativa, a súa era unha voz castrada, algo que, por outra banda, resulta coherente coa configuración do personaxe coma mutilado. Yvonne Tasker sinala en Spectacular bodies. Gender, genre and the action cinema (1993) que o clixé do personaxe preto forte, seguro de si mesmo e hipersexualizado propio do cinema da blaxploitation resultaba unha ameaza para o espectador branco, o que deu lugar á aparición doutros estereotipos coma o do negro eivado. A existencia de eivas físicas nos personaxes racializados funcionaría coma unha limitación simbólica do seu poder que os fai más aceptables. Victor Stone non só sufriu un accidente no que perdeu varios membros, senón que Wolfman e Perez aproveitan que os seus brazos e pernas son ortopédicos (por moito que tamén sexan superavanzados) para mutilalo en sucesivas pelexas: Gizmo vóalle os brazos (TNTT #3), uns proxectís secciónanlle as pernas (TNTT #23), Deathstroke córtalle as mans (Tales of the Teen Titans Annual #3)... O corpo de Stone está nun ciclo continuo de destrución/reconstrución, un bucle sádico que o obriga a revivir o trauma orixinal da mutilación unha e outra vez.


Outro dos aspectos definitorios do personaxe nas súas primeiras aventuras foi a súa relación sentimental con Sarah Simms, relación que vén de novo mediada pola súa condición de mutilado. Simms é profesora nunha “escola especial” na que todos os alumnos e alumnas teñen membros ortopédicos. Stone coñécea por casualidade nun parque, ao vela compartir xogos cos seus estudantes, e ambos inician unha relación de axuda recíproca e amizade. O feito de ser Simms unha muller branca e polo tanto de estar a suxerirse a posibilidade dunha parella interracial pode interpretarse como unha opción progresista e arriscada por parte dos autores, o cal explica tamén as súas múltiples precaucións. A primeira é ben explícita: ambos os dous personaxes repiten insistentemente que son amigos e nada máis que amigos, unha ladaíña que axiña comeza a soar a excusatio non petita. Pero mentres ese é o discurso explícito, os autores non dubidan en suxerir unha derivada romántica na relación de ambos até o punto de facer que Simms sexa secuestrada até en dúas ocasións, a primeira por Deathstroke (TNTT #10) e a segunda a mans dun antigo amigo de xuventude (TNTT #35), situándoa na posición de damsel in distress e provocando unha resposta emocional por parte de Cyborg.



De novo, o verdadeiro obstáculo para a relación é a condición física de Stone, que o presenta coma un ser vulnerable e menos poderoso, tamén sexualmente, o que fai máis facilmente asumible o seu achegamento a unha muller branca. Non semella casualidade que a súa parella de mocidade o abandone despois do accidente que o mutilou e por mor deste (TNTT #8), o que por unha banda confirma a autopercepción de Stone coma criatura monstruosa, pero afonda tamén na idea de que o dano físico o incapacita para manter relacións sentimentais. A súa incorporación ao grupo-clase de Simms resulta ambivalente: dunha banda, a súa condición de adulto que pasa a coidar dos rapaces e rapazas convérteo nunha figura paterna en aparente igualdade coa figura materna de Simms; mais ao mesmo tempo, o feito de ser el tamén un amputado con próteses iguálao aos estudantes, situándoo nun plano de subordinación respecto da profesora. Unha relación de parella entre ambos será sempre imperfecta.

*TASKER, Y.: Spectacular bodies. Gender, genre and the action cinema. Routledge, London, 2002.

*WOLFMAN, M. e PEREZ, G.: Tales of the New Teen Titans #1-4. DC, 1982.

*WOLFMAN, M. e PEREZ, G.: The New Teen Titans v.1 #1-40. DC, 1981-1984.


Imaxe 1: Tales of the New Teen Titans #2 (1982) por George Perez e Pablo Marcos.

Imaxe 2: Tales of the New Teen Titans Annual #3 (1984) por George Perez, Mike DeCarlo e Dick Giordano.

Imaxe 3: The New Teen Titans #35 (1983) por George Perez.

Imaxe 4: The New Teen Titans #19 (1982) por George Perez e Romeo Thangal.

Comentarios


Join my mailing list

Thanks for submitting!

© 2023 by The Book Lover. Proudly created with Wix.com

bottom of page