top of page

O Home Máquina, identidade e libre competencia

  • Foto del escritor: edu maroño
    edu maroño
  • 31 oct 2021
  • 8 Min. de lectura

Actualizado: 1 nov 2021


En 1984 vía a luz Machine Man, serie limitada de catro números na que Tom DeFalco e Barry Windsor-Smith retomaban o personaxe do Home Máquina que Jack Kirby creara para a súa peculiar adaptación de 2001: A Space Odyssey e que gozara dunha efémera cabeceira propia a finais dos 70. A miniserie gozou de certa popularidade no seu tempo debido sobre todo ao espectáculo visual que ofrecía un Windsor-Smith, certamente avanzado respecto do canon Marvel do momento. Curiosamente, o veterano Herb Trimpe aparece acreditado como autor dos bosquexos preliminares nos catro capítulos, por máis que o seu labor fique soterrado baixo o persoalísimo acabado final do debuxante británico.


A miniserie propón un salto temporal de corenta anos cara o futuro. O Home Máquina é desconectado a mediados dos anos 80, é dicir, no momento en que a obra ve a luz, e esperta de novo en 2020, isto é, nun futuro que daquela parecía afastado pero que hoxe é o noso presente. O que atopa no seu regreso é unha Nova York distópica rexida por Baintronics Inc, unha macrocorporación que controla a fabricación e comercialización de robots e que pertence a unha antiga inimiga do androide, Sunset Bain. Coa axuda dun grupo de “wreckers” (mozos que comercian con refugallos mecánicos), o Home Máquina enfrontarase á súa antiga rival, desafiando así a orde establecida.


Coma acontece na maioría de narrativas protagonizadas por seres de intelixencia artificial, a trama incorpora a cuestión da identidade tal e como J.P. Telotte a define, isto é, coma unha serie de dilemas derivados da manifestación dun espírito humano no interior da máquina. Esta idea estaba xa claramente presente na primeira serie regular do Home Máquina, na que se nos presenta a criatura robótica como o único supervivente dunha xeración de androides que se demostrou defectuosa: pasado o tempo, os robots amosaban síntomas dunha crise de personalidade que derivaba en comportamentos violentos, o que levou á mesma axencia gobernamental que as creou a decidir a súa eliminación. Tan só o modelo X-51 sobreviviría, libre de condutas patolóxicas por ter sido criado “coma un fillo” polo psicólogo Abel Stack. Esta socialización primaria faría de X-51, o Home Máquina, “un dos nosos”, por máis que os seus imperfectos compañeiros de xeración tamén debesen a súa extinción a unha patoloxía da personalidade xenuinamente humana. Até tal punto se considera humano o Home Máquina que no Machine Man #1 (1978) expón cal é a súa aspiración vital, a de gozar dos dereitos constitucionais do americano medio: “my aim in life is to live just like Johnny Average and take no more than what is guaranteed in our Constitution”.

Tom DeFalco mantén, na miniserie dos 80, esta aspiración á humanidade do personaxe. Cando pronuncia as súas primeiras palabras despois de volver a vida, un dos “wreckers” que o rescatou afirma: “I knew it was capable of speech... but it sounds almost human!”. Pouco máis adiante, o discurso do androide mentres pelexa contra o primeiro antagonista que lle envía Baintronics, o robot C-28, está repleto de expresións coloquiais e comentarios sarcásticos, o que leva ao seu rival a afirmar: “What kind of robot are you? Your clumsy attempts at humor sound almost human!”. A estratexia de “humanizar” a máquina responde case sempre ao comprensible propósito de conferirlle unha personalidade que facilite a empatía por parte de lectores e lectoras, unha empatía que resulta difícil se o comportamento do protagonista responde tan só a unha fría programación. Mais ao mesmo tempo, ao depositar unha faísca de humanidade nunha criatura robótica estase a crear unha criatura cunha natureza dobre, o que abre un abano de dilemas a explorar. E non só para especularmos acerca de que é o xenuinamente humano e, polo tanto, o que determina que a criatura deixe de ser unha máquina para converterse nun individuo; tamén, como acertadamente sinala Telotte, para poñer de manifesto ata que punto o robótico (o mecánico, o programado, o monótono) está presente en nós mesmos.


Sen concederlle demasiada atención nin desenvolvelo con detalle, DeFalco propón algunhas ideas a este respecto. Os “wreckers” (algo así coma “despezadores” ou mesmo “chatarreiros”) que atopan o Home Máquina dedícanse a comerciar con robots e compoñentes mecánicas, unha actividade que resulta lexítima mentres afecte a “cousas” e non a persoas. De aí que, tan pronto coma os membros da autodenominada “manda” de despezadores se decatan da natureza extraordinaria da criatura que veñen de descubrir, se cuestionen se poden comerciar con ela: “He isn’t your everyday industrial use ‘bot. We can’t just sell him to the highest bidder!”. Non é un simple electrodoméstico, logo non poden subastalo. Máis adiante, ao sentirse utilizado polos seus novos compañeiros, o Home Máquina acúsaos de tratalo como unha mercadoría: “You think that I’m just another blackmarket robot for you to use and then sell to the highest bidder! You are wrong! My body can be composed of circuits and steel but I have feelings too... real honest-to-God human emotions! I’m real tired of being treated like an unthinking inanimate object!”. Ao que Swift, unha das integrantes da manda, responde: “Somewhere along the line you stopped being just another ‘bot to us. You became a member of our pack and a real part of our family”. Para sorpresa de ninguén, os despezadores decátanse de que no interior do robot aniña unha conciencia individual, un espírito humano que o sitúa por enriba das simples máquinas e impide que se lle poida tratar coma a un mero obxecto.


O interesante do xeito en que a miniserie aborda o tópico da individualidade é que o vincula á dimensión económica da máquina, á súa condición de ben con valor comercial. Algo semellante acontece co deseño do escenario futurista no que se desenvolve a historia, no que o sistema económico ocupa unha posición central por máis que a cuestión fique apenas suxerida. Ao pouco de espertar en 2020, os despezadores explícanlle ao Home Máquina o que aconteceu despois de ser el desactivado nos anos 80. A produción masiva de robots por parte de Baintronics Inc, a empresa de Sunsent Bain, tivo un forte impacto nas relacións de produción, por seren as máquinas traballadores moito máis eficaces e rendibles que os humanos. Isto deu lugar ao aludido coma “movemento anti-robot” de 1996, unha caste de neo-ludismo alimentado polo medo da poboación ás máquinas que chegou ao seu final en 2001, cando o goberno optou por regular a venda de robots concedéndolle a Baintronics a exclusividade, isto é, establecendo un monopolio. Pero, como o despezador Brain apunta, “people want ‘bots... so packs like ours supply ‘em... for a price!”. É dicir, a empresa monopolista non pode satisfacer toda a demanda que existe no mercado da intelixencia artificial, polo que xorden pequenos grupos de provedores que comercian con robots fóra da lei. O monopolio dá lugar a un mercado negro.


Pódese establecer un paralelismo entre o espertar do Home Máquina en 2020 e a pasaxe onírica do clásico de Frank Capra It’s a wonderful life! (1946), cando ao personaxe de George Bailey se lle brindaba a oportunidade de ver como sería a vida no seu pobo natal de non ter nacido el. Libre da competencia que supoñía a pequena casa de préstamos de Bailey, o poderoso empresario local Henry Potter transformaba a idílica Bedford Falls na decadente Pottersville, unha vila dominada polo crime e a corrupción moral. No nivel microeconómico que retrataba o filme, a pequena empresa exercía o labor de contrapeso capaz de combater a hexemonía do Gran Capital e evitar os seus abusos. Conseguintemente, non había maior heroe nin maior patriota que un pequeno emprendedor. Aínda que os rancores do Home Máquina cara a Sunset Bain veñen de vellas retesías, a mensaxe que transmite a historia de DeFalco é moi semellante. Cando o Home Máquina volve á vida en 2020 atopa un mundo no que a súa adversaria goza dun poder extraordinario debido á súa posición de privilexio no mercado, un poder que mesmo lle permitiu remodelar a cidade de Nova York á súa propia imaxe. Non semella casual que os aliados do Home Máquina sexan precisamente aqueles que desafían o monopolio económico de Bain: provedores ilegais de servizos suxeitos a un monopolio, contrabandistas. Á previsible loita entre bos e malos engádese o contraste entre dous modelos de mercado: a libre competencia fronte o monopolio. Cómpre non esquecer que a miniserie ve a luz en 1984, dous anos despois da chegada ao poder de Ronald Reagan e en pleno proceso de implantación do programa político da New Right, que propugnaba o retorno ás fórmulas clásicas do modelo liberal: limitar o sector público, desregular o mercado e exacerbar a protección da propiedade privada. Neste contexto, a defensa da libre competencia era pouco menos que un dogma inquebrantable.


A canonización do libre mercado adquire un xorne místico á altura do capítulo tres da miniserie, na que os despezadores e o Home Máquina chegan a Santuario, o lugar onde as mandas de contrabandistas se reúnen. Mestura de refuxio de delincuentes e discoteca new age, Santuario está gardado por unha pequena lexión de nativos americanos, unha metáfora de significado confuso mais que apunta na dirección de lexitimar as actividades dos axentes do mercado negro robótico, dada a tradicional relación da figura do indio con valores coma a franqueza e a inocencia, a conexión co mundo natural e a identidade norteamericana na súa versión máis xenuína. Á fronte de Santuario está o denominado “ancient wrecker”, Gears Gervin, un antigo aliado do Home Máquina agora reconvertido en gurú das mandas de despezadores. Gervin é “the man who started it all”, o inspirador do modelo de resistencia fronte as prácticas monopolísticas de Baintronics e guía espiritual das bandas de chatarreiros. Na súa conversa co androide, ao que se refire sempre en termos filiais, confésalle que nunca deixou de agardar o seu regreso: “I never gave up hope. I knew you’d find a way to come back to me, kid”. O Home Máquina revélase coma unha figura mesiánica que regresa ao mundo para derrotar o mal e restablecer a orde (económica).


Na confrontación final que chega no cuarto e derradeiro capítulo da serie rexorde a cuestión da identidade. O Home Máquina loita co Iron Man de 2020, versión envilecida do heroe dos 80 que actúa agora baixo ordes de Sunset Bain. Ambas figuras representan versións especulares da relación humano-máquina: robot con espírito humano contra humano de exterior robótico. No seu discurso, Iron Man xerarquiza a relación entre humanos e robots, situando a estes nun chanzo inferior:


You might have beaten me the last time we fought but you had to resort to your lousy robot tricks to do it! Do you have the courage to face me on equal terms this time? Can you fight me like a man?! (...) Mankind made a serious mistake when it firts began designing you metal monsters in its own image! Somehow you got the wrong idea! You began thinking you were as good as men! You’re not and I’m going to prove that to you!”.


A resposta do Home Máquina é a previsible reivindicación de si mesmo coma humano:


You’re a bigot! (...) You had to prove that you were superior, that you could beat me just because you’re human! You can’t! You’re not just good enough! (...) Come on, Stark! Stand up! Face me like a man! (...) You’re nothing, Stark! Nothing! You’re just a man pretending to be a robot! Fragile flesh dressed in an armor-plated suit! The fact that you were born human doesn’t make you superior to me! I could easily kill you now, but I won’t... because I’m a better man than you are!”.


E finalmente, co lacaio derrotado, a única esixencia que o androide lle fai a Sunset Bain é que a actividade dos despezadores deixe de ser ilegal: “You’ve got to stop hounding me and my friends! Swear that you’ll leave us alone! Gimme your word that Braintronics Inc will stop making war on the midnight wreckers!”. Hai un mercado enorme aí fóra. Dá para todos. Compitamos.


*DeFALCO, T., TRIMPE, H. e WINDSOR-SMITH, B.: Machine Man #1-4. Marvel, 1984-1985.

*KIRBY, J., DITKO, S. et al.: Machine Man. The Complete Collection by Kirby & Ditko. Marvel, 2016.

*TELOTTE, J.P.: “The tremulous public body: Robots, change, and the Science Fiction film”, en Journal of Popular Films and Television nº19, 1991.


Imaxe 1: Machine Man v.2 #1 (1984) por Herb Trimpe e Barry Windsor-Smith.

Imaxe 2: Machine Man v.1 #1 (1978) por Jack Kirby e Mike Royer.

Imaxe 3: Machine Man v.2 #1 (1984) por Herb Trimpe e Barry Windsor-Smith.

Imaxe 4: Machine Man v.2 #4 (1985) por Herb Trimpe e Barry Windsor-Smith.

Comentarios


Join my mailing list

Thanks for submitting!

© 2023 by The Book Lover. Proudly created with Wix.com

bottom of page