Super Boxers, por un capitalismo con rostro humano
- edu maroño

- 10 ago 2022
- 8 Min. de lectura

En 1982, sendo Jim Shooter editor xefe de Marvel, tivo lugar o lanzamento da liña Marvel Graphic Novels, unha serie de publicacións autoconclusivas cuxo formato se afastaba do predominante no mercado mainstream norteamericano para imitar o dos álbums de BD europea: maior tamaño, maior extensión, cubertas de cartoné, mellor papel... A liña acolleu volumes protagonizados por superheroes Marvel como A morte do Capitán Marvel ou X-Men: Deus ama, o home mata, mais serviu tamén de vehículo para que algúns dos autores habituais da compañía exploraran outros xéneros coma a fantasía ou a ciencia ficción. Foi o caso de Super Boxers, mestura de distopía e relato deportivo que xurdiu como un proxecto persoal de Ron Wilson, un debuxante bastante activo entre os 70 e os 80 cuxo nome perdura hoxe vinculado ao da Cousa, o personaxe dos 4 Fantásticos cuxas aventuras debuxou primeiro na serie Marvel Two-in-One (1975-1983) e despois na cabeceira The Thing (1983-1986). Despois de obter a aprobación do seu proxecto directamente de Shooter, Wilson desenvolveuno coa axuda de John Byrne no guión e de Armando Gil nas tintas. A obra viu a luz en 1983 como oitava publicación da colección.
Wilson imaxina en Super Boxers un futuro no que a incapacidade dos gobernos para faceren fronte aos grandes problemas da Humanidade (a pobreza, a fame, a guerra...) conduce á súa substitución por un goberno corporativo. As empresas comezan a competir coas estruturas estatais e entre si, até que un pequeno número delas se fan co control mundial, dando lugar a unha nova orde de aparente prosperidade na que os traballadores obteñen benestar material a cambio de renunciar ás súas liberdades individuais.
“The problems that had plagued mankind for eons were seemingly solved. The corporations provided for all the needs of their workers. They asked for only one thing in return: obedience. Blind, servile obedience. And most people were willing to surrender whatever freedom they had and give their corporate masters exactly what they wanted.”
Mais non todos viven nesa burbulla de abundancia/submisión. Existe outra realidade, un submundo empobrecido, “the Underground”, habitado por aqueles que non se pregan aos mandatos do goberno corporativo. Desatendidos polas autoridades e controlados por unha policía brutal, deben loitar día a día para poder saír adiante nun entorno de carestía. As necesidades materiais que padecen son o prezo que deben pagar por gozaren de certa liberdade.

Nesta realidade dividida en dúas metades, o boxeo é o espectáculo de masas máis popular. Tanto no territorio controlado polo goberno corporativo coma no submundo, as masas seguen con fervor os combates entre superboxeadores equipados cunha tecnoloxía futurista que amplifica a súa forza, rexistra os danos que sofren e mesmo administra analxésicos. O espectáculo proporciona no submundo unha válvula de escape emocional que lle permite ao público proxectar as súas arelas de progreso nun contorno deprimido. Na sociedade corporativa, o público asiste ao espectáculo ávido de emocións fortes, mais os combates valen tamén para rexer a dialéctica entre as empresas no poder. As corporacións enfróntanse entre si a través dos boxeadores que promocionan e os resultados teñen consecuencias na súa cota de influencia. Os éxitos reforzan a súa primacía económica e as derrotas poden conducir ao seu afundimento e absorción por outras empresas.
O protagonista de Super Boxers é Max, un boxeador honesto e con talento que chega a converterse no mellor púxil do submundo. Max será contactado por Marilyn Hart, propietaria de Delcosmetics, unha das corporacións establecidas no poder que está a pasar por unha delicada situación financeira despois das sucesivas derrotas dos seus boxeadores a mans de Roman, o campión do circuíto corporativo que loita para o empresario Gerry Madison. Hart quere que Max se enfronte a Roman representando a Delcosmetics para non perder o control da empresa a mans de Madison. Deste xeito, a trama condúcenos cara un combate no que se enfrontarán dous homes, Max e Roman, mais tamén dúas estruturas políticas construídas a partir de sistemas de valores distintos, un mundo corporativo rico e opresor e un submundo empobrecido pero libre.
Super Boxers é un cómic simple, previsible no seu desenvolvemento e considerablemente inxenuo que traslada a un contexto futurista os clixés dos relatos de boxeadores, algo que pode relacionarse coa popularidade no seu tempo da saga fílmica de Rocky, que no momento de publicarse o cómic ía xa pola terceira achega e se atopaba probablemente no punto máis alto da súa popularidade. Non só iso, a insistente exhibición no cómic de homes hipermusculados sometidos a un tormento físico remite á espectacularización do corpo masculino propia do cinema muscular dos anos 80, que contaba xa con expoñentes destacados (á mencionada Rocky e as súas secuelas poden engadirse Rambo: First blood e Conan the Barbarian, ambas estreadas en 1982) e chegaría a constituírse en corrente exitosa nos anos inmediatamente posteriores. A obra combina estes elementos cos dilemas propios das distopías que contrapoñen liberdade individual e benestar colectivo, unha longa tradición narrativa na que o totalitarismo se sustenta na renuncia (voluntaria, inducida ou forzosa) aos seus dereitos por parte dos individuos e que ten entre os seus expoñentes máis paradigmáticos obras coma Un espléndido mundo novo de Aldous Huxley.
Malia non ofrecer moitas novidades no tratamento deste dilema, Super Boxers si incorpora un elemento menos frecuente que resulta de interese. Como xa indicamos, no mundo imaxinado por Wilson e Byrne, o poder político que actúa totalitariamente está ocupado por empresas, o que aboca a unha lectura en clave socioeconómica dun traballo que ve a luz nun momento clave na historia recente dos Estados Unidos, a chegada de Ronald Reagan ao poder. Polo demais, a sobrepresenza do boxeo na esfera pública, a súa proxección coma espectáculo de masas e a súa constitución en eixo vertebrador das relacións políticas, económicas e sociais defíneno coma algo máis próximo a un instrumento de control social que a un mero deporte ou entretemento.
“(...) the masses and the corporations are mutually dependent o one another. The corporations need a large consumer base, which the masses provide, and the masses require easy access to goods and services, which the corporations provide. So long as products and luxuries are readily available, the crowd will continue enhusiastically to support corporate control and domination, regardless of how much freedom must be surrendered by particular individuals.”
A cita é de John Marmysz e refírese a Rollerball, filme dirixido en 1975 por Norman Jewison, pero resulta plenamente aplicable a Super Boxers. A fita de Jewison mostra un mundo distópico tamén sometido a un goberno corporativo que ofrece aos cidadáns comodidades materiais a cambio de renunciaren a exercer os seus dereitos políticos. Un deporte violento, o rollerball, non só proporciona entretemento ás masas, senón que transmite os valores que o poder considera máis propicios para a súa propia perpetuación: o traballo de equipo e a submisión aos roles asignados por enriba dos logros individuais. De aí que a empresa propietaria do equipo de Houston tente forzar a retirada do seu mellor xogador, Jonathan E., cando este comeza a destacar como individualidade por riba dos seus compañeiros. A súa figura pode representar unha idea de superación e cambio de status que non lle cómpre a un poder que aspira ao contrario, a estabilidade e a reprodución social.

De xeito semellante, o boxeo en Super Boxers tampouco é un simple espectáculo deportivo. Os combates teatralizan a dialéctica entre as empresas no poder, expresando de forma explícita a competitividade entre corporacións e con consecuencias reais, determinando de forma efectiva a evolución económica das empresas que se enfrontan. O público segue con fervor os combates e asume a súa lóxica coma eixo reitor da estrutura social, expresando tacitamente a súa conformidade co réxime. O boxeo revélase coma un instrumento de control que substitúe á participación política e funciona coma un mecanismo de lexitimación da orde social.
O xeito en que as empresas e os boxeadores que as representan se relacionan pode entenderse coma unha metáfora das relacións de traballo na lóxica capitalista. As empresas extraen a forza de traballo dos boxeadores ofrecéndolles a cambio unha retribución (benestar material), mais privándoos de dereitos políticos e apropiándose da plusvalía: a revalorización da empresa e o aumento da súa influencia en termos políticos. Os boxeadores contan cos mellores adiantos técnicos mais non para mellorar as súas condicións de traballo senón para maximizar o rendemento que se pode tirar deles. É significativo que os complementos tecnolóxicos con que contan permitan avaliar os danos que van sufrindo e mesmo administrarlles medicamentos, mais non coa fin de protexer a súa saúde senón de mantelos en combate durante máis tempo e darlles máis oportunidades de gañar.

De feito, a relación entre boxeadores e corporacións está máis próxima á escravitude que a unha relación laboral ordinaria. As empresas só poden estar representadas por boxeadores que sexan da súa propiedade tras asinar un contrato vitalicio, como lle lembra Gerry Madison a Marilyn Hart cando descobre que esta pretende empregar un boxeador do submundo. Wilson e Byrne válense deste pretexto para darlle un pulo á trama. Hart engana a Max, con quen acaba de comezar un romance, para que asine un contrato vitalicio polo que, de feito, está a entregarse coma unha propiedade a Delcosmetics. Cando o descobre négase a loitar e regresa ao submundo. Coma o Jonathan E. de Rollerball, Max non atopa a felicidade nos bens materiais que lle proporcionan as vitorias senón na propia competición. De volta ao seu lugar de orixe, conversa co que foi o seu adestrador, Strap, que lle revela que Marilyn Hart e a súa empresa Delcosmetics levan anos loitando por crebar co statu quo.
“She’s benn trying for years... more years than you might guess... t’break down the hard-ass rules of the corporations, to give the workers some freedoms, let folks decide what they wanna do and how they wanna live, like years ago.”

Recúncase así nun novo clixé dos relatos distópicos, o da ocultación do pasado coma estratexia do poder totalitario para perpetuarse. En Un espléndido mundo novo a aristocracia da clase alfa era educada no desprezo cara a historia, que era presentada como irrelevante (“History is a bunk”, a historia é unha parvada). En Rollerball toda a cultura literaria da humanidade, incluídos os rexistros históricos, era afastada do coñecemento público e concentrada nun ordenador que resultaba incapaz de comprendela e asimilala, co que de feito ficaba destruída. En Super Boxers, o vello Strap semella ser o único que garda lembranza do pasado e dos procesos que levaron ao establecemento do goberno corporativo:
“Maybe I ain’t just the dumb ol’ washed-out pug you always thought. Maybe I got a mind and a memory. Maybe I remember stuff like the way the world was before the corporations (...). An’ maybe I remember how important it is that we don’t completely lose the old ways”.
A memoria do pasado permítelle a Strap interpretar correctamente o que representa a confrontación entre Madison e Hart. A vitoria de Madison suporía unha consolidación das estruturas de poder mentres que a de Hart sería un desafío para aquelas. Este lance acentúa a interpretación en clave presentista da obra, xa que Strap avoga polo retorno ao modelo anterior ao corporativo. A mensaxe dos autores non é tanto unha crítica á realidade do seu tempo canto a expresión do temor a un afondamento na mercantilización das políticas públicas. Nos Estados Unidos de 1983 Ronald Reagan comezaba o seu primeiro mandato presidencial, desenvolvendo o programa económico da denominada New Right, inspirado pola Escola de Chicago, que propugnaba o adelgazamento dos poderes públicos e a súa progresiva substitución polo mercado na provisión dos servizos esenciais. O escenario sociopolítico debuxado por Wilson e Byrne pode interpretarse coma unha expresión de desconfianza cara a asunción da lóxica de mercado coma criterio reitor das políticas públicas. A súa posición dista moito de ser revolucionaria ou abertamente reformista, avogando simplemente polo retorno das “vellas formas”, que recoñecen aos traballadores “algunhas liberdades” coma decidiren “o que queren facer e como queren vivir”. Wilson e Byrne móstranse favorables a un capitalismo con rostro humano no que os traballadores teñan algúns dereitos. Super Boxers non reflicte unha visión transformadora do capitalismo senón máis ben un convite a conservar as fórmulas vixentes no sistema económico estadounidense de principios dos 80.
Consecuentemente, Max aceptará combater representando a Delcosmetics, derrotará a Roman unha vez que ambos se desprendan dos gadgets tecnolóxicos, e desencadeará un cambio de tendencia no goberno corporativo máis propicio aos postulados de Marilyn Hart. Un final compracente que, por certo, contrasta co de Rollerball, no que Jonathan E. permanece patinando en círculos mentres o público corea o seu nome despois de derrotar aos seus inimigos dentro e fóra da cancha. Hai algún futuro para el fóra da pista? É difícil sabelo.
*HUXLEY, A.: Un espléndido mundo novo, Factoría-K, Pontevedra, 2021.
*JEWISON, N.: Rollerball, 1975.
*MARMYSZ, J.: “Cultural Change and Nihilism in the Rollerball Films” en LUKAS, S.A. e MARMYSZ, J. (Eds.): Fear, Cultural Anxiety, and Transformation. Horror, Science Fiction, and Fantasy Films Remade. Lexington Books, Plymouth, 2009.
*WILSON, R., BYRNE, J. e GIL, A: Super Boxers, Marvel, 1983.
Imaxe 1: Super Boxers (1983), imaxe da contracapa por Mark Bright.
Imaxes 2, 3, 4 e 5: Super Boxers (1983) por Ron Wilson e Armando Gil.



Comentarios