top of page

“They called us enemy” vs “Zeitoun”, unha lectura en paralelo

  • Foto del escritor: edu maroño
    edu maroño
  • 23 ago 2021
  • 10 Min. de lectura

Takei: As rodas da democracia xiran amodo


George Takei acadou popularidade nos anos 60 do século pasado a raíz da súa participación na primeira serie de Star Trek e nalgunhas das posteriores longametraxes da mesma franquía. Nas últimas décadas, o seu nome está tamén relacionado co activismo político, especialmente no que atinxe á defensa dos dereitos do colectivo LGBT+ e tamén ao fortalecemento dos vínculos entre Estados Unidos e Xapón. Ten publicados varios libros autobiográficos e en 2019 asinaba a súa primeira incursión no eido da novela gráfica con They called us enemy, obra co-escrita con Justin Eisinger e Steven Scott e debuxada por Harmony Becker que acadaría numerosos premios, entre outros o Eisner ao mellor cómic baseado en feitos reais. Takei insiste no xénero memorialístico, narrando a súa infancia nos campos de concentración nos que o goberno norteamericano recluíu a poboación de orixe xaponesa tras a entrada do país na II Guerra Mundial.


Takei tiña catro anos cando se produciu o bombardeo de Pearl Harbor. Apenas dous meses despois de declararlle formalmente a guerra a Xapón, o presidente Franklin D. Roosevelt decretaba o internamento dos cidadáns de ascendencia xaponesa en diversos campos de concentración espallados polo país, unha medida que institucionalizaba a violencia informal que xa estaba a sufrir o colectivo e que crebaba calquera principio do Dereito sancionador, ao privar a cidadáns e cidadás de dereitos humanos elementais sen cometeren delito algún. Pola contra, o fundamento da denominada Orde 9066 residía na atribución de caracteres culturais coma a condición “inescrutable” das persoas de orixe nipoa, é dicir, un suposto hermetismo que facía imposible coñecer cales eran as súas fidelidades e simpatías, e que se utilizaba coma pretexto para presumir a súa lealdade ao emperador Hirohito. O xorne inequivocamente racista desta medida fica confirmado ao afectar por igual a xaponeses residentes nos Estados Unidos que a cidadáns norteamericanos con antecesores xaponeses. A etnia prevalecía fronte a cidadanía. Tal foi o caso da familia Takei: o pai, Takekuma Norman Takei, tiña nacionalidade xaponesa e chegara aos EUA sendo un adolescente; mais a nai, Fumiko Emily Nakamura, nacera en California e tiña nacionalidade norteamericana. Os seus tres fillos eran cidadáns norteamericanos.


They called us enemy ábrese cunha chamada intempestiva na porta dos Takei, algo que nas democracias, segundo Winston Churchill, é prerrogativa exclusiva do leiteiro. Neste caso é o exército, que obriga a familia a abandonaren o seu fogar con pouco máis que o posto e subiren ao tren que os trasladará ao primeiro dos dous campos de concentración nos que permanecerán internados durante máis de catro anos. A parte central do cómic está consagrada a debullar as vivencias da familia Takei nestes campos de internamento, a lenta e paulatina descuberta do pequeno George da situación de privación de liberdade na que se atopaban e os intentos dos seus proxenitores por amortecer os seus efectos e manter un espellismo de normalidade. Para alén de perderen a liberdade, os máis de 120.000 prisioneiros de orixe xaponesa recluídos en campos foron sometidos a numerosas privacións materiais, deberon renunciar aos seus negocios e medios de vida e malvender as súas propiedades (ou perdelas a mans do Estado), todo sen teren cometido delito algún. Non só iso, o propio goberno exerceu presións sobre os que posuían nacionalidade norteamericana para que renunciaran a ela para despois forzar o seu regreso a Xapón intercambiándoos por prisioneiros de guerra estadounidenses. E nin sequera co final do encarceramento remataron as discriminacións. O propio Takei sinala como mesmo despois de seren postos en liberdade tras a guerra e de gañaren batallas legais coma a invalidación das renuncias á nacionalidade, el mesmo e moitos outros foron vítimas de condutas discriminatorias e racistas por parte dos seus concidadáns.


Podería parecer, xa que logo, que They called us enemy contén unha contundente impugnación do sistema político e institucional estadounidense ao amosar como, baixo determinadas circunstancias críticas, os seus alicerces democráticos se ven substituídos pola arbitrariedade, o racismo e o abuso de poder por parte do aparello do Estado. Porén e por sorprendente que pareza, o cómic resulta ser unha hiperbólica loa á democracia norteamericana. Finalizado o episodio dos campos de concentración, Takei deriva o relato cara a súa traxectoria persoal, mostrando como estudou interpretación e comezou unha carreira de actor que o levaría ao teatro e a pequenos papeis en televisión. Mais a súa vida cambiaría axiña, cando se lle ofreceu a oportunidade de interpretar a Hikaru Sulu na serie Star Trek, un papel que non só lle concedería grande popularidade senón que ademais respondía a un moderado propósito de xustiza social: a tripulación do Enterprise pretendía ser representativa da diversidade cultural mundial (por máis que o seu líder fose o irremediable varón branco heterosexual). Ao longo do seu periplo profesional, Takei tivo ocasión de coñecer a activistas da relevancia de Martin Luther King e chegou a converterse el mesmo nun personaxe con certa proxección pública, o que aproveitou para defender causas de natureza progresista coma os dereitos do colectivo LGBT+ ou mesmo a restitución das vítimas da Orde 9066. Xa que logo, o cómic abunda no clixé do soño americano ao mostrar como un rapaz estigmatizado pola súa herdanza cultural e vítima de racismo institucionalizado non só acada o éxito profesional, senón que tamén adquire certa capacidade para contribuír á transformación social grazas á súa popularidade. O seu caso convidaría a pensar que a democracia norteamericana consegue xerar de forma espontánea o antídoto para as súas propias doenzas.


O éxito persoal de Takei confirmaría as aprendizaxes que lle inculcara o seu pai ao longo da súa vida e especialmente na súa mocidade rebelde. O actor revela no cómic como, sendo mozo, tomou conciencia dos abusos dos que el e a súa familia, coma membros do colectivo de xaponeses-norteamericanos, foran obxecto e como iso se traduciu nunha actitude belixerante e contestataria. No canto de alimentar o seu rancor, o seu pai preferiu conciencialo acerca das bondades da democracia participativa, presentando coma característico do sistema estadounidense o que é predicable de calquera democracia que se poida considerar tal: “a pesar de todo o que vivimos, a nosa democracia segue a ser a mellor do mundo porque é unha democracia do pobo e o pobo pode facer grandes cousas”. Velaí o mito da excepcionalidade dos Estados Unidos. Seguindo o seu exemplo, Takei asume unha participación activa en política, apoiando coma voluntario a candidatos demócratas, concorrendo el mesmo coma candidato en eleccións locais e, como xa se apuntou, apoiando dende a súa posición de personaxe público distintos movementos reivindicativos.


En 1988, o goberno de Ronald Reagan recoñeceu publicamente o “erro” que supuxo a Orde 9066 e asumiu a necesidade de restituír as vítimas. Transcorreran máis de corenta anos e a metade dos afectados estaban xa mortos, a pesar do cal Takei define a medida (no seu caso, unha carta de desculpa e 20.000 dólares de indemnización) coma “an amazing statement about this country”, a demostración de que no sistema norteamericano os principios democráticos acaban por impoñerse sempre. En palabras do seu pai, as rodas da democracia xiran amodo.


Zeitoun: Un terrorista en canoa



En 2010 Dave Eggers publicaba Zeitoun, libro no que recollía a historia de Abdulrahman Zeitoun, inmigrante de orixe siria que vivía en New Orleans cando tivo lugar o desastre do furacán Katrina. Nos días seguintes á catástrofe e perante a incapacidade das autoridades para garantir a vida e a seguridade das vítimas, Zeitoun percorreu en canoa a cidade asolagada, ofrecéndolle axuda, auga e alimento ás persoas que atopaba en situación de necesidade. En poucos días foi detido polas forzas de seguridade, acusado de terrorismo e conducido a un campamento de prisioneiros provisional primeiro e a unha prisión de Lousiana despois. Permaneceu privado de liberdade e incomunicado durante 23 días. O pretexto para a súa detención foi a alta cantidade de diñeiro que portaba cando foi detido pero a acusación non foi de roubo, senón de pertenza a Al Qaeda. Os indicios? Os obvios.


Zeitoun é un exemplo sobresaínte das narrativas que agromaron nos anos seguintes á catástrofe do Katrina, entre as que podemos destacar outros títulos coma a serie de TV Treme ou os documentais de Spike Lee When the leeves broke: A requiem in four acts e If God is willing and da creek don’t rise. Todas elas teñen en común un alto grao de politización e máis especificamente unha vinculación do acontecido co rearme ideolóxico e legal que tivo lugar nos EUA despois dos atentados do 11 de setembro. Dende o ámbito académico, autores coma Arin Keeble teñen sinalado que se a produción cultural post-Katrina cuestiona a Patriot Act e as políticas da Guerra contra o Terror é en boa medida porque as ficcións inmediatamente posteriores ao 11S obviaron estes contidos e derivaron cara as denominadas narrativas do trauma, consagradas a expoñer e aliviar as feridas emocionais ocasionadas polos atentados antes que a indagar nas súas causas e analizar a idoneidade ou non da reacción gobernamental.


Dáse así un aparente paradoxo: un acto de natureza inequivocamente política (o 11S) é abordado en clave íntima, doméstica e despolitizada mentres que unha catástrofe natural recibe unha resposta cultural duramente politizada. Porén, aínda que ningún goberno do mundo podería ter evitado a chegada do furacán, as narrativas post-Katrina consideran que a gravidade das súas consecuencias si foron o resultado de decisións políticas. Autores coma Henry A. Giroux afirman que a desconfianza da administración Bush fronte o papel do Estado na provisión de servizos públicos traduciuse nun financiamento insuficiente das entidades chamadas a exercer o labor de prevención e socorro fronte a desastres naturais, nunha incorrecta elección dos seus mandos e mesmo na subordinación dos seus propios obxectivos a outros tan distantes coma a loita antiterrorista. O goberno non só foi incapaz de ofrecer seguridade aos máis desfavorecidos senón que se converteu nunha maquinaria punitiva destinada a criminalizalos. A énfase mediática nas actividades de rapina contribuíu a lexitimar a adopción de medidas extremas coma o desprazamento á zona de máis de 65.000 soldados, a contratación de corpos de seguridade privados (aspecto moi presente noutro cómic: Dark Rain. A New Orleans story de Mat Johnson e Simon Gane) e a autorización aos militares para dispararen aos ladróns. A zona catastrófica converteuse en zona de guerra coa conseguinte suspensión de dereitos dos afectados, pertencentes na súa maioría aos segmentos máis empobrecidos da poboación.


Zeitoun recolle a idea dos Estados Unidos coma terra de oportunidades, o lugar onde unha persoa emprendedora, con ideas de negocio e capacidade de esforzo pode triunfar. Eggers mostra a Zeitoun coma un home sinxelo e traballador que conseguiu establecerse nos EUA e acadar un certo grao de estabilidade económica e persoal grazas ao seu carácter decidido e á súa capacidade de sacrificio, primeiro coma traballador por conta allea, despois coma dono e principal traballador dunha pequena empresa de reformas. Respectado pola súa profesionalidade e querido polos seus veciños, o seu credo musulmán non tería sido un obstáculo para a súa integración, senón unha cuestión estritamente privada, perfectamente compatible cos valores cívicos do seu contorno, e que mesmo determinaría o seu comportamento altruísta despois de que a cidade quedara asolagada. Eggers válese de Zeitoun para imaxinar uns Estados Unidos autenticamente integradores, en contraste coa realidade que revelou o paso do Katrina. O discurso político elaborado por George W. Bush despois do 11S reinterpretaba o mundo coma unha confrontación maniquea entre uns EUA que lideraban o mundo libre e o chamado Eixo do Mal, cuxo nome deixa lugar a poucas dúbidas. Este retorno ás grandes narrativas que esnaquizara o posmodernismo traduciuse en normas e decisións políticas concretas, a Patriot Act e a Guerra contra o Terror, que foron as que se aplicaron no New Orleans arrasado polo Katrina e en virtude das cales Abdulrahman Zeitoun foi acusado de terrorismo sen máis indicios na súa contra que a súa condición de musulmán de orixe siria. Malia enfeitar o seu discurso con retórica multiculturalista, a visión dos Estados Unidos que propugnaba a administración Bush era parcial e homoxénea, cristiá e branca. Na práctica: racista.


Takei vs Zeitoun: Democracia e razón de Estado


Despois dunha pormenorizada exposición de agravios, George Takei pecha o seu relato cun crescendo triunfalista. A súa condición de vítima dunha inxustiza histórica non lle impediu saír adiante e prosperar, acadar a tranquilidade de espírito e non gardarlle rancor aos seus agresores. En canto ao resto de afectados, dá por boa a rectificación do goberno Reagan corenta anos despois. Non lle parece que sexa insuficiente, nin que chegue tarde, nin lle concede importancia a que quen a adoptou o fixera sen custe político algún. Pola contra, a medida é presentada coma a demostración de que a democracia norteamericana funciona coma unha maquinaria case perfecta, na que os erros terminan por corrixirse. Takei pinta uns Estados Unidos non só intrinsecamente senón tamén excepcionalmente democráticos. Convidado en 2017 a expoñer o seu testemuño na propia casa de Roosevelt, “o home que me encarcerou”, afirma: “isto só pode acontecer nos Estados Unidos”, por máis que despois matice, “dígoo aberta e inocentemente, non sei se podería acontecer noutros lugares”. They called us enemy torna así nun relato épico con final feliz que porta ademais unha mensaxe tranquilizadora e facilmente dixerible para os lectores e lectoras norteamericanos: vivimos na mellor das democracias occidentais.


Este razoamento inxenuo e voluntarista, ademais de desmobilizador, fai norma dun único caso que se presenta illado, coma se fose un suceso extraordinario na historia dos Estados Unidos. Porén, a sombra do racismo e as restantes formas de discriminación pairan sobre a democracia norteamericana dende a súa paulatina prohibición formal a partir de mediados do século XX. E non só dun racismo social, interiorizado e reproducido por individuos particulares, senón tamén dun racismo institucional, executado en aplicación de políticas formais dos poderes públicos. Un caso evidente é o do furacán Katrina, que desencadeou unha crise humanitaria e política nos EUA seis décadas despois do final da Segunda Guerra Mundial. Malia as súas notables diferenzas respecto do relatado por Takei, os paralelismos entre os dous sucesos son tamén evidentes. En ambos casos déronse unhas circunstancias excepcionais que levaron aos respectivos gobernos a tomaren medidas restritivas de dereitos; en ambos casos, cometéronse inxustizas, xenuínas infraccións de dereitos fundamentais, fundadas en motivos que só poden cualificarse como racistas.


Casos coma o do Katrina convidan a pensar que, se cadra, a democracia é nos Estados Unidos (e quen sabe se en todo o mundo occidental) un espellismo ou un ben de luxo do que se desfruta só mentres se mantén certa normalidade, pero cando se dan circunstancias excepcionais (unha declaración de guerra, unha catástrofe natural) agroma a razón de Estado, da que xa falara Maquiavelo, que considera o mantemento do statu quo un ben superior a calquera outro. Baixo a razón de Estado unha parte da poboación fica protexida mentres outra pasa a considerarse prescindible e os seus dereitos poden ser conculcados polas decisións do executivo baixo unha aparencia de legalidade: os xaponeses-norteamericanos, os musulmáns, os inmigrantes, os pobres... En contra de toda a retórica oficial, os desfavorecidos por cuestión de clase, etnia, credo e mesmo xénero poden ser obxecto de todo tipo de abusos e dificilmente pode considerarse consolo que catro décadas máis tarde se lles pida desculpas acompañando un cheque.


*EGGERS, D.: Zeitoun. Random-House Mondadori. Madrid, 2010.

*GIROUX, H.A.: “Reading Hurricane Katrina: Race, Class, and the Biopolitics of Disposability” en College Literature Vol.33, nº 3, 2006.

*JOHNSON, M. e GANE, S.: Dark Rain. A New Orleans story. DC Comics, 2010.

*KEEBLE, A.: “The Aggregation of Political Rhetoric in Zeitoun”, en Comparative American Studies Vol.12, nº 3, 2014.

*TAKEI, G., EISINGER, J., SCOTT, S. e BECKER, H.: Éramos el enemigo. Planeta Cómic, Barcelona, 2021.


Imaxe 1: Cubertas das edicións orixinais de They called us enemy (2019) por Harmony Becker e de Zeitoun (2010).

Imaxe 2: Dark Rain. A New Orleans story, p. 22-23.

Imaxe 3: They called us enemy, p. 196.


Comentarios


Join my mailing list

Thanks for submitting!

© 2023 by The Book Lover. Proudly created with Wix.com

bottom of page